Portonovo acolle o I Festival pola Normalización Lingüística 'Goza coa túa Lingua'
Por Redacción
Este sábado 1 de outubro no parque do Espiñeiro en Portonovo a partir das 22.00 horas celebrarase o I Festival pola Normalización Lingüística 'Goza coa túa Lingua' no que participarán Sés e Sanjurjo&Dopico.
Este evento celebrarase organizado pola concellería de Cultura que se mantén en contacto con Quempallou, a agrupación que estaba previsto que actuase pero que finalmente por problema de incompatibilidade de datas obrigou a modificar o cartel desta primeira edición do festival. Quempallou acudirá antes de que finalice o ano para realizar unha actuación ao Concello de Sanxenxo a través do acordo coa Deputación provincial, segundo se apunta desde a concellería.
Con estas actuacións preténdese poñer en valor a música e as expresións artísticas realizadas en Galicia e que utilizan o galego como canle de expresión.
O concerto de Portonovo será o último de Sés en Galicia con Tronzar os valos, xa que ao final deste ano sacará ao mercado o seu cuarto disco. A artista estará acompañada por oito músicos. A cantante coruñesa combinará a súa potencia e vitalidade co seu compromiso coa lingua galega sobre o escenario, do mesmo xeito que Martín Sanjurjo e Manolo Dopico, que actuarán previamente.