Chegan os obradoiros do Minipazo Club
Por Oskar Viéitez
O Pazo da Cultura amplía a súa oferta de obradoiros infantís para o curso 2015-2016 baixo o programa Minipazo Club e suma unha nova oferta.
Xunto á "A hora do conto", "Á procura do tesouro", "Experimenta" e "RockLab" chega agora "Tecnoloxía creativa", un taller de ciencia e tecnoloxía a cargo de Ceo aberto.
As follas de inscrición para todos estes obradoiros poderanse recoller o luns 10 de outubro de 8 a 14 horas e ata esgotar as prazas no vestíbulo do Pazo.
TECNOLOXÍA CREATIVA
É un ambicioso proxecto onde os nenos traballarán dun xeito totalmente diferente coa ciencia, tecnoloxía, arte ou matemáticas, o que axudará a reforzar o sistema educativo convencional.
A HORA DO CONTO - OBRADOIRO DE ANIMACIÓN Á LECTURA
Este proxecto de animación á lectura vén da man de Pavís Pavós, un grupo de narradores (Tareixa Alonso, Xacobe Rodríguez que contarán con diferentes colaboracións) coa finalidade de transmitir aos nenos o gusto polos libros.
EXPERIMENTA - OBRADOIRO DE ARTE E CULTURA VISUAL
"Experimenta" é un espazo a cargo de Itziar Ezquieta, creado para espertar o interese dos nenos polo mundo da arte, o deseño, a arquitectura ou a cultura visual dun xeito diferente, multidisciplinar e aberto.
ROCKLAB - OBRADOIRO DE EXPRESIÓN MUSICAL
A cara máis musical dos obradoiros infantís ven da man de RockLab Team. Este curso presenta os obradoiros: O compositor máis pequeño do mundo, O ruido na xungla, Sons de ar e deserto, Paseo polo lado salvaxe, e a formación do Grupo e a Banda de RockLab.
Á PROCURA DO TESOURO – OBRADOIRO DE EXPRESIÓN DRAMÁTICA, PLÁSTICA E MUSICAL
"A procura do tesouro" é o taller impartido por monitores da compañía teatral Migallas Teatro coa coordinación de María Campos e Carlos Yus, estará composta por seis cursos de Expresión Dramática, Plástica e Musical para rapaces de 4 a 16 anos.