Máis de 2.000 persoas asisten ao FICBUEU nos primeiros catro días de Festival
Por Redacción
A organización do FICBUEU apunta que máis de 2.000 persoas asistiron ás actividades programadas durante a metade desta novena edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.
As sesións continúan durante este mércores ás 18.00 horas, ás 20.00 e ás 22.00 horas, mentres que está previsto que na xornada deste xoves arrincará cunha sesión matinal para os catro colexios do municipio. Uns 275 estudantes de Primaria do CEIP A Pedra, do Colexio Virxe Milagrosa, do CEIP A Torre (Cela) e do CEIP Montemogos (Beluso) achegáronse este xoves ás 11.00 horas ao Centro Social do Mar para participar no visionado e debate de seis curtos, a maioría deles de animación. Con estas proxeccións búscase que o alumnado se interese polo cinema, ao mesmo tempo que coñecen obras doutros países en distintos idiomas.
As actividades paralelas continuarán o venres, ás 11.00 horas cunha masterclass sobre a gravación de vídeo con cámara réflex e ás 16.30 horas cunha charla da distribución internacional de curtametraxes. As propostas con acceso libre e gratuíto pero para as que se recomenda inscrición previa no correo producion@ficbueu.com. Durante a tarde, ás 18 horas, reeditarase a sección Comedia, mentres que ás 20 e ás 22 horas desenvolverase a sesión dobre de obras galegas. Estas proxeccións son gratuítas, só cómpre retirar a invitación o mesmo día no despacho de billetes, que abre ás 17 horas.
O sábado, cineastas e espectadores participarán nunha andaina por Cabo Udra e na navegación a bordo de embarcacións tradicionais coa asociación Os Galos, actividades nas que xa se cubriron todas as prazas. Pola tarde, ás 18.00 horas, desenvolverase o Encontro con Celso Bugallo, entrevistado pola xornalista Carmen García de Burgos, no que o público terá a oportunidade de trasladarlle as súas cuestións ao actor gañador dun Goya. Ás 21.30 horas dará comezo a gala de entrega de premios, para a que este ano será preciso retirar invitación no despacho de billetes durante a tarde. A invitación permitirá asistir á posterior festa de clausura no café-bar O Balcón. A partir das 00.30 horas a entrada será libre. O FICBUEU 2016 continuará o domingo coa sesión solidaria na que se premiarán os traballos das escolas galegas.
Para obter información sobre as curtametraxes que se emiten durante estes días pódese consultar a web do FICBUEU.
Relacionadas:
-
Usuarios de Juan XXIII e actores profesionais rodan unha curta para o FIC Bueu
Por Redacción |
-
Arrancan as proxeccións para maiores dos centros de día do FICBUEU
Por Redacción |
-
A película croata 'Piknik', gañadora da novena edición do FICBUEU
Por Redacción |
-
Cinema galego para dar a benvida a un novo FICBUEU
Por Redacción |
-
O FICBueu agarda "manter a maxia" do seu comezo nunha ambiciosa novena edición
Por Alejandro Espiño |
-
Ademais de cine, o FICBUEU ofrece rutas de sendeirismo, de navegación e gastronómicas
Por Redacción |