![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2eb/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/57737de724-20160628-patxot-meu-pontevedra-castelao-029.jpg)
© Mónica Patxot - Arquivo
"Meu Pontevedra!" dará paso á mostra que conmemora o centenario das Irmandades da Fala
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O deputado de Cultura, Xosé Leal, anunciou que unha vez clausurada a exposición "Meu Pontevedra!", o Museo acollerá a mostra sobre o centenario da fundación das Irmandades da Fala, que chegará ao Museo de Pontevedra o 14 de setembro, baixo o título "Saúde e Terra, irmá(n)s!".
"Nesta mostra, Castelao seguirá tendo protagonismo como figura senlleira no seo das Irmandades e compartirá espazo con outras personalidades relevantes da época e do movemento que se conmemora", sinalou Xosé Leal.
"Saúde e Terra, irmá(n)s!" está organizada polo Museo do Pobo Galego, pola Real Academia Galega e pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra para achegala á cidadanía da provincia.
En virtude de dita colaboración, a mostra permanece neste momento na Fundación Barrié de Vigo, onde estará ata o 8 de setembro, e poderá verse no Museo de Pontevedra entre o 14 de setembro e o 2 de outubro.
VISITAS
O Museo de Pontevedra, institución dependente da Deputación, vén de contabilizar un total de 9.638 visitas só na exposición "Meu Pontevedra!", a tan só dúas semanas da súa clausura, prevista para o domingo 11 de setembro.
No que levamos de mes de agosto, ata o domingo 28, o total de persoas visitantes ascendeu a 5.325.
Unha vez coñecido este dato, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, salientou que "este éxito de visitantes vén a corroborar a vixencia actual que ten Castelao, tanto polo seu pensamento como por todo o traballo que deixou e que nos ten que servir para pór aínda máis en valor o seu legado".