Máis de 90 actividades para unhas Noites Abertas que manteñen o seu espírito "crítico e comprometido"
Por Alejandro Espiño
Máis de 90 actividades diferentes e tres meses de duración. Así se presenta a nova edición de Noites Abertas, a iniciativa organizada polo Concello de Pontevedra para dar alternativas de lecer aos mozos fronte á movida nocturna. Un total de 20 asociacións e 13 empresas colaborarán este ano, segundo o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez Junquera, cun programa no que participaron case 6.000 mozos durante a pasada edición.
Serán máis cursos e actividades que o ano pasado, pero con menos diñeiro. O orzamento redúcese a 109.000 euros, dos que o 30 por cento, uns 32.000 euros, apórtaos o goberno municipal. O resto finánciase con cargo ao Plan Nacional Sobre Drogas do Ministerio de Sanidad "e como este ano houbo menos incautacións de droga, os fondos destinados a sufragar este tipo de iniciativas son menos para todo o mundo".
Demetrio Gómez agradeceu todas as propostas presentadas para completar o programa de Noites Abertas 2013, un total de 182, e explicou que algunhas tiveron que ser descartadas por moitos presupuestarios ou refundidas "porque había varias propostas para facer os mesmos cursos e optamos por repartir os días dispoñibles entre varias".
Estas actividades, nas que pode participar calquera persoa menor de 30 anos, serán maioritariamente de acceso libre, aínda que haberá algunhas que requiran unha inscripción previa. "Temos que optimizar os recursos e se hai algunha que non cubra o cupo, cancelarase", dixo o edil nacionalista. En todo caso, o Concello espera que o interese da mocidade pontevedresa "manteñase igual que en anos anteriores".
Neste sentido, Demetrio Gómez adiantou que unha das novidades deste ano é que, ademais da presentación de Noites Abertas en todos os centros de educación secundaria e universitaria, a organización decidiu estar presente nas diferentes prazas da cidade "onde reúnense moitos rapaces".
Entre as diferentes actividades que organizará Noites Abertas entre o 22 de febreiro e o 18 de maio, o concelleiro de Xuventude destacou que hai numerosos cursos relacionados coa música, manualidades de todo tipo, actividades deportivas e outras propostas máis novedosas como bolos celtas, long-board (unha modalidade de skate), cociña creativa ou o tradicional certame de creatividade erótica, limitado este ano á fotografía.
Ademais, Demetrio González destacou o carácter "crítico e comprometido" de Noites Abertas, que estará moi volcado este ano nas redes sociais, coa renovación da súa páxina web e o lanzamento dunha aplicación para móbiles que se pode descargar nela. "E non pechamos en Semana Santa", dixo o concelleiro, "porque hai moitos mozos que non poderán ir de vacacións pola súa situación económica e pasarán as festas na cidade".
A edición 2013 de Noites Abertas concluirá cunha festa-concerto que se celebrará na Praza de Curros Enríquez o próximo 18 de maio e na que participarán numerosos grupos do Local de Ensaio de Pontevedra.