Jero Romero, excantante de The Sunday Drivers, presenta en Karma o seu primeiro disco en solitario
Por Alejandro Espiño
Jero Romero, excantante de The Sunday Drivers, será o próximo invitado da Sala Karma. ÿ unha das figuras claves do pop nacional da última década e como tal non podía faltar ás celebracións do sétimo aniversario desta sala. Será cun concerto que se celebrará este sábado 23 de febreiro ás 22:30 horas, onde presentará o seu primeiro álbum en solitario: Cabeza de león.
Tras separarse de The Sunday Drivers, un dos grupos máis influintes da escena indie española, Jero Romero decidiu continuar o seu camiño en solitario. A finais de 2011, propúxose editar o seu primeiro disco, esta vez en castelán a diferenza dos anteriores co grupo. Para financialo recorreu ao sistema de crowfunding e a resposta dos seus fans non puido ser mellor. En apenas 24 horas, reuniu o orzamento necesario para poder gravalo.
Jero Romero editou e distribuíu no mes de febreiro de 2012, o seu primeiro álbum Cabeza de león. O álbum consta de 12 cancións, gravadas e mesturadas no estudo "El Lado Izquierdo" de Madrid, con Dany Richter aos mandos, e a produción do propio Jero e de Charlie Bautista. Para terminar o proceso, o disco foi masterizado por Greg Calbi nos estudos "Sterling Sound" de NY.
Cabeza de león é un traballo definido polos críticos especializados como un conxunto de cancións "equilibradas, auténticas e honestas", en aparencia sinxelos temas pop, pero con letras emocionalmente intelixentes, cheas de guiños e sorpresas. A forma en que se produciu o disco, e posteriormente os concertos en directo, creou un forte vínculo entre o oínte e Jero, unha estreita relación co seu público, que é un dos maiores valores do artista.
Para o directo, Jero acompáñase dun autentico luxo de banda: Charlie Bautista (guitarras, teclado, coros), Alfonso Ferrer (baixo, contrabaixo, coros), Amable Rodríguez (guitarras, coros) e Nacho García (batería, coros); todos eles reputados músicos con gran experiencia, que tomaron como seu o proxecto formando un impresionante combo de directo.
Paralelamente ás actuacións coa banda habitual, Jero creou un set de directo reducido, un formato de trío electroacústico, coa colaboración de Charlie Bautista e Alfonso Ferrer. ÿ un set perfecto para recintos de aforo reducido ou locais íntimos onde se busca unha proximidade aínda maior entre o escenario e o público.
En abril 2012 comezou a xira de presentación con cinco datas no ciclo Heineken MS, e posteriormente unha extensa xira de salas e festivais como FIB, Sonorama, Low Cost, Veranos de la Vila, Ecopop, B-Side... en total máis de 40 concertos ata decembro. A imparable xira Cabeza de león segue adiante, impactando profundamente ao espectador por calquera cidade pola que pasa, e prevese a presenza da banda en varios dos máis importantes eventos musicais de 2013.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 10 euros, pódense adquirir en Rei Zentolo, Pequeño Karma e www.ticketea.com.