O festival da cultura urbana e os deportes de acción por autonomasia xa invadiu Vigo e chegou para quedar durante toda a fin de semana. Trátase de O Marisquiño, unha cita festivaleira que nada ten que ver coa gastronomía que evoca o seu nome e no que se espera que visiten a cidade olívida 130.000 espectadores ata o domingo.
O Marisquiño, que este ano chega á súa 16 edición, é un dos eventos máis importantes de Europa na súa especialidade. Este ano integrouse nos Festivais Rías Baixas, unha marca común de festivais que por primeira vez aglutinou a sete festivais que se celebran na faixa atlántica pontevedresa no verán baixo o paraugas da Deputación Provincial e Turismo Rías Baixas.
A zona do evento é máis grande este ano que nunca, ata alcanzar os 150.000 metros cadrados, ao ampliarse a novas zonas do porto, estenderse cara ao centro cos concertos da praza do Rei e lanzarse á ría, onde se celebrará a Naval Cervera Cup, unha nova competición de embarcacións náuticas de alta velocidade.
O festival, que conta coa presenza este ano de 1.300 riders, entre eles moitos dos mellores do mundo, foise enchendo de xente este venres, á espera de que este fin de semana se vaian incorporando os profesionais e cheguen os saltos e os trucos máis espectaculares.
O Marisquiño estreará este 2016 a feira BILD (edificio da Andrómena do Porto), dirixida a profesionais do sector pero aberta ao público xeral, que nace para presentar as coleccións de marcas internacionais emerxentes e consolidadas de moda streetwear. Tamén é novidade a terceira proba dunha copa do mundo que se incorpora á programación do festival, como é o Mini Ramp de skate, que se suma á World Cup Skateboarding, que recala en Vigo por terceira vez, e ao Mountain Bike Dirt Jump, que será proba Silver Event do FMB World Tour.
Tamén haberá os xa habituais MTB Downtown, BMX Flatland, Freestyle Motocrós, Grafiti e baile do Breaking, entre moitos outros atractivos que fixeron de O Marisquiño un dos máis grandes e espectaculares festivais de Europa.
As tres probas incorporadas a copas do mundo serán seguidas en medio cento de países a través do streaming ofrecido pola organización, que unha vez máis será operado por experienty.tv. E pola noite, o espectáculo desprázase á zona de concertos, onde se celebra o Off Marisquiño, con actuacións tan destacadas como as de The Qemists, Mix Master Mike ou Mad Professor, xunto a un selecto grupo de bandas locais e nacionais.
O Marisquiño estrea ademais o circuíto Razor, no que se poderá probar o Crazy Cart da famosa marca estadounidense de forma gratuíta, e contará unha vez máis co Espazo Mahou, concibido especificamente para o festival, no que se desenvolverán actividades de grafiti e break dance da man de artistas de referencia nas respectivas disciplinas.