Pontevedra renderá homenaxe a Sabino Torres coa presentación da revista Olga, o seu último proxecto editorial
Por Redacción
O último proxecto literario do editor, xornalista e membro da Real Academia Galega (RAG) Sabino Torres será este sábado 30 de xullo o pretexto para renderlle homenaxe na súa cidade dous meses despois da súa morte. Con motivo da presentación en Pontevedra do primeiro número de Olga, a Revista de poesía galega en Madrid, organizarase na Casa das Campás unha homenaxe ao desaparecido escritor.
Olga é unha revista que naceu ao fío do faladoiro literario do Grupo Bilbao na que participaba Sabino Torres no Café Comercial de Madrid. No último encontro do mesmo, celebrado o 27 de xullo de 2015, xusto antes do peche do famoso café, o editor pontevedrés propuxo a publicación dunha revista de poesía con textos de poetas galegos participantes nese faladoiro. O proxecto chegou a bo porto, pero el tivo que desvincularse porque se cruzou unha grave enfermidade. Finalmente, tres semanas antes da súa morte, puido ver o primeiro número impreso, pero xa non chegou a participar na presentación oficial en Madrid.
Tras unha primeira presentación en Madrid, este sábado Olga presentarase en Pontevedra coa presenza dos seus tres impulsores, Vicente Araguas, Rafael Yáñez e Manuel Pereira; de Ana Acuña, profesora da Universidade de Vigo e máxima coñecedora da obra de Sabino; e do concelleiro de Cultura en Pontevedra, Luís Bará. A filla e a neta do falecido, María Torres e Laura Mundo Torres, tamén participarán.
Un adianto desa presentación viviuse este mércores no Concello de Pontevedra da man de Luís Bará, Ana Acuña e Manuel Pereira. Ambos destacaron que o acto previsto para as 20.30 horas do sábado 30 será unha homenaxe obrigada a Sabino Torres e unha forma de coidar o seu legado e dalo a coñecer.
Olga terá dous números ao ano, pero, ata o momento, tan só está publicado o primeiro. Nel inclúense dous poemas de Sabino Torres que forman parte de Noites con Violeta, a súa obra inédita que aínda non viu a luz. Este primeiro número poderá adquirirse xa a 8 euros e haberá opción de facer subscricións.
No acto en Pontevedra tamén servirá para resolver unha incógnita que aínda segue no aire sobre o nome da revista, Olga. Os organizadores do acto emprazan ao sábado toda resposta sobre o motivo polo que se bautizou con este nome propio.