Un spot promocional da Festa do Albariño, candidato aos premios Mestre Mateo
Por Redacción
A curtametraxe O Viño que sabe a Festa pertence á serie de catro realizadas polo Concello de Cambados, e producidas polo cambadés Juan Galiñanes e Eve Martín, co obxectivo de promocionar a Festa do Albariño, unha celebración que este ano chega a súa edición número 61. O spot está previsto que se poida ver a través dos medios televisivos e das redes sociais. Para esta edición número once dos premios Mestre Mateo O Viño que sabe a Festa deberá competir con Galicia no Corazón, de Congo Producciones, Sairemos como Galegos, de Congo Producciones, e Spot Mondariz, producido por Lúa Films.
Os catro spots publicitarios da serie dedicada á Festa do Albariño foron presentados o 15 de decembro do pasado ano 2012 no auditorio municipal da Xuventude, que quedou pequeno para acoller todo o público que desexaba presenciar a estrea en directo. O realizador Juan Galiñanes actuou como mestre de cerimonias desta premier, acompañado do alcalde, Luis Aragunde, ademáis da meirande parte do equipo artístico e técnico responsable destes anuncios televisivos. Amenizou o acto o dúo Escuchando Elefantes, que protagoniza o spot agora candidato aos galardóns do audiovisual galego.
Os vídeos foron realizados polo Concello contando coa colaboración da Secretaria de Estado de Turismo, a través do crédito do Fondo para Modernización de Infraestructuras Turísticas (Fomit), investindo algo máis de 42.000 euros que inclúen tamén o deseño da nova páxina web municipal.
Aquí podedes ver o anuncio seleccionado: