José Luis Gómez: "A crise durará 5 anos máis e deixará en España unha xeración perdida"
Por Anxo Lourido
José Luis Gómez acaba de publicar ¿Cómo salir de esta?, un traballo que debería ser libro de cabeceira para todos os políticos. O xornalista de Brión considera que non só estamos a atravesar unha crise económica senón tamén unha crise de valores e social. Hai máis de cinco anos anunciou o estoupido do desastre económico na portada de Capital, a revista económica que dirixía. Poucos o tiveron en conta. Agora, numerosos políticos asisten as súas conferencias. Se cadra pensan que xa vai sendo hora de aprender a sair desta situación.
- Existe unha fórmula para poder sair da crise?
- Creo que é máis doado e asequible que España saia da crise se hai un pacto político, sindical e económico, con compromisos de todos e cunha folla de ruta que nos indique ben por que facemos recortes, para que e con que resultados. En segundo lugar, é indispensable rebaixar os intereses da débeda porque estamos moi endebedados, non só o Estado, tamén o sector privado; as familias; as empresas e, xa non digamos, o sector financieiro. Polo tanto, é moi importante e depende da política que siga o Banco Central Europeo e do que indique Alemaña. En terceiro lugar, creo que se sae da crise se producimos máis e mellor. Isto é moi importante polo tremendo burato que nos deixou a construción inmobiliaria que hai que enchelo de actividade porque hai millóns de persoas que se foron ao paro e hai moito que facer e para enchelo temos dúas alternativas: ou facer cousas con valor engadido que cree emprego e que se poidan vender a certo prezo e nos permita ser un pais competitivo ante os grandes paises ou facer cousas sen valor engadido que nos vai levar a competir cos chineses. O segundo vainos levar a salarios baixos, o primeiro pódenos levar a manter salarios normais cando saiamos da crise. Non vamos sair desta en seis meses ou nun ano por desgraza.
- De canto tempo estariamos a falar para poder mellorar esta situación?
Levamos cinco anos de crise. Creo que é máis que razoable pensar que nos pode levar outros cinco, ten toda a lóxica falar en España dunha xeración perdida. Da crise nos paises desenrolados, España o é, sempre se sae. Outra cousa é como se sae, quen paga o prezo desa saída e canto tempo leva. Temos experiencias distintas. En Estados Unidos houbo unha crise en paralelo coa de España e Estados Unidos xa está saíndo. Obama daba un discurso esta semana sobre que o problema non pode ser o déficit senón a vida da xente, a vida das clases medias. ÿ un discurso esperanzador. Estados Unidos saíu pronto da crise. Pero Xapón tardou quince anos. España vai situarse entre un e outro. Depende de como reaccionemos todos e do que se faga en Europa, é dicir, do que decida Alemaña.
- Pero é factible, nestes momentos, un pacto entre os grandes partidos políticos en España como vostede reclama?
Creo que tés toda a razón. Esa é a mirada a día de hoxe. Non, non é posible. Pero iso temos que velo con perspectiva. Cando houbo crise houbo pacto. Durante a transición chegaron os pactos da Moncloa. Tivemos que facer axustes, reaxustes e reconversións cando España ía incorporarse á entón chamada Comunidade Económica Europea e houbo pacto. A día de hoxe parecería inxenuo, hoxe non é posible pero, con perspectiva, estou convencido, se hai pacto sairemos antes da crise. Haberá un compromiso de todos, dos empresarios, dos sindicatos das administracións públicas e así o reparto, o custo da crise, que é tremendo poderá ser máis xusto... Creo que a saída da crise non está a ser xusta e e iso resólvese cun pacto, non se pode resolver doutra maneira.
- Explíqueme, como foi que vostede puido anticipar a chegada da crise cando ninguén a recoñecía en España?
- Daquela eu dirixía a revista económica Capital e relacionábame con sectores económicos. Non fun máis listo que outros pero decidín algo que estaba moi no ambiente. Se cadra, non se quería recoñecer. Cando saíu a portada de Capital estabamos en 2007. Un ano despois o Goberno negaba a crise, pero sabíano. Se o sabía eu que só era un modesto xornalista... Eu conteino e ademais no consello de redacción da revista houbo debate, mesmo controversia. Había xente que me dicía "estáste lanzando, estás sendo moi audaz". Pero eu tiña suficientes testemuñas de dirixentes financeiros que en privado me daban por feito isto. Por iso Capital titulou así. Non ten ningún mérito especial. ÿ o mérito de facer xornalismo, nada máis.
E cun sorriso esperanzador na faciana, José Luis Gómez comeza a saudar a todos os políticos que asisten á presentación do seu libro. Entre eles, a presidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo; o presidente da Deputación, Rafael Louzán; o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro; o portavoz do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira; o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez e a Delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. Todos eles atenderon ás explicacións do xornalista. Agora haberá que agardar que poñan en práctica esas ideas aprendidas para poder sair desta.