Sex Museum abre a programación de concertos do sétimo aniversario de Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Os ritmos trepidantes de Sex Museum, unha das bandas primixenias do rock indie español, chegan a Pontevedra. O grupo madrileño protagonizará o primeiro concerto da temporada na pontevedresa Sala Karma. Será este venres 15 de febreiro ás 22:00 horas. Nel repasarán unha extensa traxectoria que se iniciou en 1987 con Fuzz Face, aínda que o disco que lles fixo soar en toda España foi Independence.
Será un concerto moi especial, segundo anuncian eles mesmos. Por primeira vez na súa historia, Sex Museum miran cara atrás e imprégnanse das raíces que lles axudaron a nacer. Toneladas de Fuzz, órgano Hammond, ritmos trepidantes e todos os éxitos dos seus primeiros tempos, en cru e sen contemplacións. Será pois unha ocasión única de velos volvendo ás súas orixes, pero non por iso deixarán de tocar outros "clásicos" do seu repertorio máis actual, como os temas do seu último traballo discográfico, Again & again (Tritone, 2011).
Ao longo de máis de dúas décadas, Sex Museum foi un dos mellores indicadores da saúde e a fortaleza da música independente do estado. O camiño que iniciaron como unha banda de "garage-rock" formada por cinco adolescentes dispostos a facerse un oco facendo as cousas ao seu xeito, pecha un círculo prácticamente igual que o empezou, editando o seu último propio disco sen ningún tipo de presión nin compromiso máis que con eles mesmos.
Iniciaron a súa andadura co LP Fuzz Face (Fidias, 1987), disco que lles situou dentro dunha escena garage rock que loitaba por existir dentro dun ambiente dominado polo pop da movida madrileña. Pero foi sen dúbida o seu álbum Independence (Romilar D, 1989) co que se converteron nun referente de como facer as cousas á marxe de todo o establecido nunha escena, a independente, que aínda estaba en pañales abrindo un camiño que agora é transitado por tantas bandas.
Deseguido chamaron a atención e con discos como Nature's Way (Fábrica Magnética, 1991) ou Sparks (Roto Records, 1994) son cos que lograron crear unha lexión de fans dispostos a todo polo rock independente e que lles levou a meterse en aventuras psicodélicas, hard-rockeiras, vangardistas, experimentais, a tocar por Europa cando isto non era nada habitual e sobre todo a manter unha traxectoria e unha actitude coherente e independente.
As entradas para o concerto, que teñen un prezo de 10 euros anticipada e de 13 euros en taquilla, pódense adquirir en La Casa Winchester, Rei Zentolo Pontevedra, Pequeno Karma e www.ticketea.com.