Os Coribantes viaxan a Francia para participar nun prestixioso festival de música celta
Por Redacción
A música galega resoará nas rúas e prazas da localidade turística francesa de Châtelaillon-Plage, en plena rexión da Bretaña, durante a última fin de semana deste mes de xuño. O grupo caldelán "Os Coribantes" foi elixido como un dos sete participantes no Festival dos Países Celtas, un gran evento cultural que concita anualmente a asistencia de milleiros de persoas.
"Os Coribantes" foron seleccionados polos organizadores deste prestixioso festival xunto con outros seis grupos (un por cada barrio da localidade turística francesa), que acudirán dende Asturias, Escocia, Gales, Irlanda e da propia Bretaña.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, acudiu na noite deste xoves a despedir á comitiva caldelán que saíu cara a Bretaña nun autobús e tres vehículos de apoio, entre os que está un proporcionado polo Concello, posto que a organización cobre o resto dos gastos ordinarios de desprazamento e aloxamento. O regreso está previsto para o próximo martes.
Segundo explicou Ángel "Lito" Rodríguez, presidente da agrupación musical, desprázanse uns 40 músicos, todos eles tamén bailaríns, que van tocar distintas pezas dos dous discos que compoñen o seu repertorio. Entre elas figuran a Muiñeira de Freixido e An Dro (Carlos Núñez), que foi seleccionada pola organización para ser interpretadada conxuntamente polos sete grupos participantes no Festival dos Países Celtas. Para "Os Coribantes" vai ser a primeira viaxe fóra da Península Ibérica, pois ata o de agora teñen participado en numerosos actos tanto en España como Portugal.
Para "Os Coribantes" vai ser a primeira viaxe fóra da Península Ibérica
O Festival divídese nas xornadas de sábado, na que ofrecerán un concerto nun dos sete barrios de Châtelaillon-Plage, e domingo, na que todas as agrupacións participan nun desfile pola rúa principal, a carón da praia. Trátase dunha longa recta de máis de 2 Km na que se concitan ata 80.000 persoas. Entre medias, o programa inclúe un célebre espectáculo de fogos artificiais para gozar dende o areal.
"Os Coribantes", segundo explicou "Lito" ao alcalde, están moi emocionados por ter sido invitados a participar neste evento do máximo nivel. Dáse a circunstancia de que o seu director, Andrés Lorenzo, está de lúa de mel, polo que será substituído polo músico vigués Abraham Fernández.
A pesar de ser un grupo local, asentado no lugar de Buchabade, trátase dunha banda que trascende de Caldelas e abrangue un amplo territorio, pois nela están integrados moitos músicos de Pontevedra, pero tamén de A Lama e outras localidades. De feito, a formación que acoderá a Francia inclúe tamén un músico madrileño que se incorpora especialmente e outros chegados dende Tui e mesmo dous dende México.
O presidente de "Os Coribantes" recalca que o seu espírito é a música tradicional galega, pero a agrupación ten tamén unha vocación folk, con pezas doutro estilo, e incorporación de instrumentos máis típicos deste son. Está integrada por xente nova, pois a práctica totalidade dos músicos e bailaríns teñen idades entre os 20 e os 40 anos, pero tamén conta cunha escola de música propia na que introducen aos rapaces a partir dos 4 ou 5 anos.