Avelaíña Teatro propón o curso de interpretación 'Pensar o corpo. Pensar o texto'
Por Redacción
O grupo de expresión dramática de Pontevedra, Avelaíña Teatro, organiza un curso de interpretación para os fins de semana do 25 e 26 de xuño e para o 2 e 3 de xullo, en xornadas intensivas. O prezo por participante é de 60 euros e a realización supedítase á inscrición dun mínimo de alumnado, antes do 20 de xuño.
O curso de interpretación será impartido por Ermel Morais e Vanesa Sotelo baixo o título 'Pensar o corpo. Pensar o texto' e a intención é achegar ás participantes ferramentas útiles para a construción de diferentes presenzas escénicas tanto a través do traballo consciente do corpo como a través da interpretación do texto. Ademais búscase reflexionar sobre como é a comunicación cotiá.
O curso combina o adestramento psicofísico cun traballo de escritura no espazo que permita descubrir a cada participante os múltiples corpos que se atopan no corpo de cada un. Desta forma, explorarase en actividades como pensar cos pés, desprenderse da intención ou transformar o baleiro. Desenvolveranse tamén técnicas de comunicación verbal e de fluidez na expresión emocional.
Ermel Morais é profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), asesore de actores de cinema e de teatro, ademais de membro colaborador do centro Fuentes de la Voz. Pola súa banda, Vanesa Sotelo formouse en dirección de escena na ESAD de Galicia e é actriz, dramaturga e directora teatral.
As persoas interesadas poden poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico: teatroavelainha@gmail.com