Siniestro Total, Jero Romero ou The New Raemon, principais apostas de Sala Karma para o seu sétimo aniversario
Por Alejandro Espiño
A Sala Karma cumpre sete anos e para celebralo preparou unha ampla programación cultural. Un total de 17 concertos encherán de música este aniversario, unha celebración que arrinca este venres 15 de febreiro e estenderase ata o 30 de marzo. Grupos e artistas da talla de Siniestro Total, Jero Romero, Despistaos ou The New Raemon presentarán os seus novos traballos discográficos nesta sala pontevedresa.
Sex Museum serán os encargados de inaugurar esta programación especial. O veterano grupo de rock, referente da escena indie española desde hai case dúas décadas, ofrecerá un concerto este venres 15 de febreiro ás 22:00 horas. Nel repasarán unha extensa traxectoria que se iniciou en 1987 con Fuzz Face, aínda que o disco que lles fixo soar en toda España foi Independence (Romilar D, 1989). O seu último traballo é Again & again (Tritone, 2011).
Non será a única banda mítica de rock que pasará polo escenario da Sala Karma. Siniestro Total chegará a Pontevedra o sábado 16 de marzo. O concerto da banda viguesa, liderada por Julián Hernández, é, sen dúbida, o maior atractivo deste sétimo aniversario. Terán tempo para facer un longo repaso a unha exitosa carreira que comezaba alá polo ano 1981. A última vez que actuaron en Pontevedra foi en agosto de 2011.
E o 9 de marzo será a quenda de Despistaos, que están celebrando actualmente os seus dez anos sobre o escenario. Será un concerto no que repasarán toda a súa discografía, pero con especial detalle ás cancións do seu último traballo, Los días contados (2012). Será apenas unha semana antes de que os galegos Niño y Pistola (15 de marzo) presenten en directo o seu novo disco There's a Man with a Gun Over There (2013, Ernie Producións).
Concorridos serán, seguro, os concertos de dous dos artistas da escena independente que máis éxito están tendo actualmente: Jero Romero (23 de febreiro) e The New Raemon (2 de marzo). Estes últimos chegan a Pontevedra con novo disco debaixo do brazo, Tinieblas por fin (Marxophone, 2012), mentres que o excantante de The Sunday Drivers aínda segue presentando en directo os temas do seu primeiro disco en solitario.
Pero neste sétimo aniversario de Karma tamén haberá oco para voces femininas. E das boas. Serán dúas citas de altura: Alondra Bentley (8 de marzo) e Anni B. Sweet (22 de marzo). E terán oportunidade proxectos recentes e tremendamente interesantes como Dulce pájara de juventud (22 de febreiro), Neuman (14 de marzo), Alberto Gambino (23 de marzo), The Body of the Lito (27 de marzo) ou Atención Tsunami (30 de marzo)
Pequeno Karma seguirá apostando por música en acústico
Dentro desta programación especial a música en acústico reclamará tamén o seu protagonismo. Será dentro do ciclo "Los acústicos del Pequeño" que ofrecerá os concertos de Sethler (21 de febreiro), Birds are indie (1 de marzo), Bruno T. Ford (7 de marzo) e Rick Treffers (25 de marzo).
Ademais, Pequeño Karma será o escenario da gran festa de VII aniversario de Sala Karma. Terá lugar o domingo 17 de marzo. Nela, numerosos músicos pontevedreses reuniranse para ofrecer un concerto conxunto co que celebrar os sete anos de vida da única sala de concertos privada de Pontevedra que ofrece unha programación continuada durante todo o ano.