Máis de 20.000 pezas saen á luz no xacemento de Castro Alobre
Por Redacción
As escavacións realizadas pola Deputación Provincial no Castro Alobre permitiron localizar máis de 20.000 pezas, 240 de bronce. O achado permite, segundo a presidenta provincial, Carmela Silva, descubrir cal era o modelo de asentamento que existía nesta zona das Rías Baixas e demostrar que se trataba de poboados moi desenvolvidos.
Os traballos comezaron o pasado 1 de febreiro no marco do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia de Pontevedra. A actuación en Alobre complementarase a través dun convenio entre a institución provincial e o Concello de Vilagarcía polo cal a Deputación destina 152.000 euros para a posta en valor do xacemento.
Carmela Silva visitou a zona co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e o arqueólogo, Diego Piay, para asinar ese protocolo de colaboración. Na visita, segundo recolle a Deputación, a presidenta provincial subliñou que "temos a obriga" de conservar estes recursos porque "forman parte da nosa historia e nos permiten coñecer como se relacionaban e vivían os nosos antepasados" e porque "teñen unha potencialidade turística extraordinaria e gran capacidade de incidir no desenvolvemento do noso territorio".
O arqueólogo responsable da escavación , Diego Piay, destacou que se tratou dun poboado con presenza na fase final da idade de ferro (I.a.C.) cunha grande vocación comercial a longa distancia (probada pola aparición de ánforas béticas e itálicas, morteiros do val do Guadalquivir ou cerámicas púnicas, de orixe campano e itálico) e que nalgún momento no cambio de era queda tapado por un "concheiro" sobre o cal se establece un xacemento da época romana (probablemente unha "domus") que estivo ocupado ata finais do século III d.C., un século máis do que se pensaba.
Piay subliñou que nos 495 metros cadrados das 2 hectáreas que ten o castro atoparon 20.000 pezas, das cales 240 son de bronce e atópanse en excelente estado de conservación. Entre as pezas achadas, destacou un denario de prata da época republicana (datado no 69 a.C. no que aparece a deusa romana Vesta), unha moeda de Claudio, un as de bronce, fíbulas en excelente estado de conservación, elementos militares, aneis, pulseiras ou cerámicas das fases finais da idade de ferro.
Carmela Silva comprometeuse a falar coa Xunta de Galicia e o goberno de España, en coordinación cos alcaldes e alcaldesas, para que unha vez rematado o protocolo de actuación en 18 xacementos da provincia, destinen recursos para continuar impulsando e poñendo en valor toda a potencialidade arqueolóxica e histórica.
Relacionadas:
-
O Castro Alobre está pendente de Fomento para a súa musealización
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento paraliza a musealización de 18 castros apelando á falta de Goberno en Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Retoman as escavacións no xacemento da Lanzada para poñer en valor todo o conxunto
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O achado dun forno no xacemento de Castro Alobre revela novos espazos adicados a fins produtivos
Por Redacción |
-
Un mes de descubrimentos no castro de Alobre
Por Redacción |
-
Inician catro meses de escavacións no Castro de Alobre
Por Redacción |
-
A Deputación intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos
Por Redacción |