Surfing The Lerez pecha cartel con Terbulatina, Eladio y los seres queridos ou Familia Caamagno
Por Alejandro Espiño
O festival Surfing The Lerez completa o seu cartel. Tras meses de traballo, os organizadores contan xa cunha completa oferta para encher de música, diversión e bo rollo a Illa das Esculturas de Pontevedra os próximos días 17 e 18 de xuño.
E as últimas novidades non fan máis que xerar unha maior expectación cara ao único festival que se celebra ao aire libre en Pontevedra. Todas elas foron desveladas tras publicarse o cartel definitivo, deseñado por Santiago Paredes.
Así, aos grupos previstos para o día grande, o sábado 18 de xuño, súmanse agora Terbutalina, Eladio e os seres queridos, Familia Caamagno e Antifrágil.
Acompañarán a Igloo, Jhonander, The Phantom Dragsters, Agoraphobia, Novedades Carminha, Querido Extraño, Thee Blind Crows, Dixie Town e Atención Tsunami.
Por agora, a única banda confirmada para o venres 17 de xuño era os composteláns Samesuga. Xunto a eles, veremos tamén a The Limboos, The Phantom Keys, Los Rapaces e Tractor Troy, os últimos nomes en ser desvelados para o cartel deste ano.
Nos próximos días, os organizadores de Surfing The Lérez presentarán as actividades paralelas que se celebrarán en Pontevedra os días previos ao festival e toda a oferta que acompañará aos dous días de concerto.