Pedro Volta volverá ilusionar en Pontevedra o 14 de maio
Por Redacción
O mago pontevedrés afincado en Madrid Pedro Volta volve a casa, á cidade na que empezou no mundo da maxia e na que ofreceu o seu primeiro show teatral hai 16 anos. O regreso está programado para o sábado 14 de maio co seu espectáculo Ilusionante no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra.
Este novo show, previsto para as 19.30 horas, xa foi presentado nos auditorios das principais cidades galegas, entre elas o Teatro Principal de Pontevedra. Para esta mova actuación as entradas pódense adquirir a través da web de Ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500.
Ilusionante incorpora números de maxia e de escapismo ao redor dunha posta en escena constituída por rodas de engrenaxes, caixas e farois que crean unha atmosfera fantástica e misteriosa. Da man do ilusionista, o espectador convértese en protagonista dun espectáculo co que consegue viaxar ao mundo da fantasía e dos soños máxicos da súa infancia.
Pedro Volta conta cunha dilatada experiencia profesional. Neste último ano traballou para Vanity Fair, Seat ou Heineken, entre outros, e participou en programas de televisión como Qué tiempo tan feliz, Luar, Un mundo de niños e A revista. A nivel internacional, traballou en Australia e Estados Unidos.