O achado dun forno no xacemento de Castro Alobre revela novos espazos adicados a fins produtivos
Por Redacción
Castro Alobre segue revelando os seus segredos. Os traballos ata agora realizados permitiron aos arqueólogos da Deputación de Pontevedra extraer as primeiras conclusións e cos datos dispoñibles defender a hipótese de que na zona que se está escavando, as estruturas castrexas foron soterradas baixo un vertedoiro de cunchas e ósos.
Ese novo espazo así configurado foi novamente ocupado posiblemente con fins produtivos, circunstancia confirmada pola presenza dun forno de época romana localizado na zona sur da área de escavación. Esta estrutura xa fora exhumada parcialmente durante as intervencións arqueolóxicas realizadas na primeira década do ano 2000. Agora, sepultadas desde hai 2000 anos por un mar de cunchas, as estruturas castrexas, volven de novo á vida.
O equipo da Deputación encara con optimismo o último mes de escavacións neste xacemento lendario porque, por outra banda, os achados materiais non decaeron nas últimas semanas, elevándose xa ata 25 o número de fíbulas atopadas, mentres que o número de restos cerámicos e anfóricos crece tamén día a día. Os restos permiten aseverar que Vilagarcía era xa no cambio de era un asentamento marítimo de gran importancia, circunstancia confirmada pola presenza de numerosos materiais de importación procedentes do mundo mediterráneo.
As escavacións prolongaranse durante o mes de maio, período no que os arqueólogos pretenden finalizar a escavación das estruturas localizadas, que posteriormente serán restauradas para o goce dos visitantes. Finalmente os arqueólogos entregarán un informe no que se expoñerán os resultados dos traballos realizados.
Castro Alobre, en Vilagarcía de Arousa, figura no protocolo da Deputación de Pontevedra co Ministerio de Fomento xunto a outros 17 xacementos da provincia integrados nunha ruta destinada a potenciar o turismo de calidade. Ata o momento os arqueólogos da Deputación seguen escavando no Trega, en A Guarda, e Castro Alobre. O próximo xacemento onde se vai actuar é o da Lanzada. Os arqueólogos chegarán a Sanxenxo na terceira semana de xuño.
Relacionadas:
-
O Castro Alobre está pendente de Fomento para a súa musealización
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 20.000 pezas saen á luz no xacemento de Castro Alobre
Por Redacción |
-
Un mes de descubrimentos no castro de Alobre
Por Redacción |
-
Inician catro meses de escavacións no Castro de Alobre
Por Redacción |
-
Unha vintena de empresas, interesadas en musealizar os castros da provincia
Por Redacción |