'Sons Miúdos' presume de música infantil en galego no marco do Salón do Libro
Por Redacción
Poucas zonas do país teñen unha riqueza artística no panorama infantil como ten Galicia. E iso quedou demostrado este sábado en Pontevedra co espectáculo Sons Miúdos, que se achegou ata o Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Non cabía nin unha alma máis no patio de butacas dun auditorio do Pazo da Cultura cheo ata a bandeira para gozar do maior espectáculo da música infantil galega xamais visto sobre os escenarios.
En Sons Miúdos faise un repaso dos últimos quince anos do panorama cultural galego no ámbito infantil, aínda que en Pontevedra tamén gozaron con el moitos adultos.
Sons Miúdos fixo evidente a gran riqueza do panorama musical galego infantil cun espectáculo que logrou reunir os máis importantes músicos e cantantes dos grupos galegos dedicados aos máis pequenos.
Durante a función, os actores foron fiando unha narración de xeito teatral que percorreu a historia da música galega infantil máis recente a medida que se foron tocando unha lista de cancións escollidas entre o repertorio dos cantantes colaboradores e tocada e cantada directamente polos seus verdadeiros protagonistas.
Así, Ana Senlle de María Fumaça, Magín Blanco de A Nena e o Grilo, Paco Nogueiras de Brinca Vai!, Gloria Mosquera de Mamá Cabra, Xoán Curiel de Estamos no verán e Pablo Díaz de Tic-Tac protagonizaron este concerto infantil no que durante hora e media música e teatro foron da man.
Ademais, todo foi presentado por Montse Piñón e Pepablo Paño de Ghazafelhos e acompañado polos instrumentistas do Cuarteto dos Sons Miúdos: Javier Constenla, Brais das Hortas, Carlos Freire e Pablo Vidal.
Relacionadas:
-
O Salón do Libro entra na súa recta final tendo recibido xa 24.000 visitas
Por Redacción |
-
Dous 'roedores' soltos no Pazo educan os nenos en igualdade e amizade
Por Redacción |
-
Música, contos e ilustracións mestúranse no espectáculo "A sinfonía das fábulas"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os 'Roedores' rillan no Salón do Libro cunha obra teatral que promove o valor da amizade
Por Redacción |
-
Aínda quedan prazas para adultos nos obradoiros do Salón do Libro
Por Redacción |