Francisco Castro e a súa novela de amor contra o amor, no 'Vermú entre libros' de Paz
Por Redacción
A libraría Paz ten organizado un novo Vermú entre libros para este sábado 9 de abril. Desta volta, o invitado será o escritor Francisco Castro. Acudirá a esta iniciativa para presentar o seu último libro, Amor é unha palabra coma outra calquera, a novela de amor contra o propio amor que logrou ser reeditada tras saír á venda hai tan só catro semanas.
A novela, publicada pola editorial Galaxia, está protagonizada por Carla, unha muller que organiza a súa vida arredor do amor, do seu amor, do amor co que vive, do amor que soña, do amor que lle falta, o amor aprendido nas películas rosa, nas cancións melódicas, nas novelas cursis.
Carla, en definitiva, organiza a vida arredor de seu home, pero, que acontece cando ese centro de gravidade un día colle a porta e marcha? E que acontece se, ademais, un cadáver aparece dentro da casa para acabar de darlle a volta a todo?
É, segundo o autor, unha novela de amor contra o amor. Porque amor é unha palabra coma outra calquera. Ou non.
Neste Vermú entre libros, Francisco Castro conversará coa tamén escritora Iria Collazo López sobre esta novela. Será, como ven sendo habitual, ás doce e media da mañá.