A Feira do Libro Novo inicia en Pontevedra a súa xira por 14 concellos
Por Redacción
Este venres iniciouse no Paseo de Odriozola a montaxe das casetas que acollerán a Feira do Libro Novo.
As feiras do libro amplían este ano o seu calendario de eventos para chegar a un total de 14 concellos de toda Galicia, o que estende o programa a dúas citas máis que a pasada edición que congregou a preto de 425.000 visitantes.
O calendario botará andar en Pontevedra, onde estará ata o 10 de abril.
Deste xeito, as novidades editoriais sairán de novo ás rúas dos concellos galegos para achegar o libro e a lectura á cidadanía, ademais dunha serie de actividades culturais paralelas que completan esta programación.
Charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros son algúns destes eventos que buscan incentivar o interese na feira.
SEN LIBROS ANTIGOS E DE OCASIÓN
Pola contra Pontevedra queda este ano sen a Feira do Libro Antigo e de Ocasión ao prescindir o Concello desta actividade.
Estas feiras terán lugar do mes de maio ao de setembro, e se organizarán nas cidades de Santiago (do 14 ao 29 de maio), Lugo (do 2 ao 17 de xullo), Vigo (do 23 de xullo ao 7 de agosto), A Coruña (do 14 ao 28 de agosto) e Ourense (do 3 ao 18 de setembro).