Luis de Matos, a entreter aos pontevedreses con "Chaos", o seu novo espectáculo de maxia
Por Alejandro Espiño
Pontevedra prepárase para recibir a visita de Luís de Matos co seu novo proxecto ilusionista titulado Chaos. Nesta actuación, apta para todos os públicos e na que o mago luso non deixará indiferente a ninguén, poñeranse a proba as máis elementais leis da lóxica. A cita será o domingo 10 de febreiro, ás 19:00 horas, no Centro Social de Novacaixagalicia.
Luís de Matos é un ilusionista que respira maxia e que dedica todos os días da súa vida a facer do mundo un lugar máis máxico, como se pode desprender da experiencia de Chaos, o seu novo espectáculo. Realiza tanto maxia de cerca, como manipulación, escapismo, mentalismo e grandes ilusións, efectuando xogos tan espectaculares como a desaparición dun elefante ou dun Ferrari. Ademais de ter un repertorio moi variado, destaca nel a súa posta en escena, a súa claridade nos xogos e a espectacularidade de moitos deles.
Nado en Mozambique en 1970, sendo moi pequeno trasladouse cos seus pais a Portugal. Con tan só 11 anos, presentou a súa primeira actuación no seo dun grupo de teatro infantil, na cal realizou un único xogo de maxia. Cinco anos máis tarde conseguiu gañar o Premio Revelación nun festival de maxia organizado pola Asociación Portuguesa de Ilusionismo, que terminou cun xogo realmente espectacular: a transformación de dúas pombas nun coello.
Pero este premio non foi o único, senón que, ademais, conseguiu durante dous anos consecutivos, outros dous premios máis nos congresos nacionais de maxia de Portugal. E no ano 1990 apareceu nun programa especial de Nadal na televisión nacional portuguesa (RTP1), tras o cal aos poucos foi intervindo en varios programas de televisión, ata que conseguiu o seu propio, ao que acudiron prestixiosos magos de renombre internacional.
Por todo iso, en 1995, conseguiu unha mención especial pola Academia de Artes Máxicas de Hollywood. Con todo, o seu maior logro chegou en 1998 cando foi nomeado Mago do Ano pola propia Academia de Hollywood. Durante os seguintes anos, apareceu en numerosos programas da televisión portuguesa de gran éxito. En Galicia fíxose tremendamente popular pola súa participación habitual no programa Luar da TVG.
As entradas para asistir ao seu espectáculo, que teñen un prezo de 10 euros, están á venda en www.servinova.com ou ben na taquilla telefónica no 902 504 500.