Xornadas para conmemorar o 1.100 aniversario da fundación do Mosteiro de Lérez
Por Redacción
A Asociación Cedofeita organiza unhas xornadas dedicadas ao Mosteiro de Lérez, con motivo dos seus 1.100 anos de existencia. Foi no ano 916 cando o rei de Galicia, Ordoño II, fixo doazón dun territorio e de obxectos sacros ao frei Guntado.
As xornadas celebraranse entre o venres 26 de febreiro e o 18 de marzo, coincidindo cos Venres Culturais, e terán lugar na Casa da Cultura de Lérez a partir das 20.30 horas. O acceso será libre e gratuíto.
A primeira das xornadas versará sobre os aspectos artísticos do mosteiro e contará co profesor e licenciado en Xeografía e Historia, Xaime Iglesias, como relator. Ofrecerá unha charla sobre as distintas edificacións do antigo mosteiro como a igrexa, o claustro e outras dependencias monacais, destacando as peculiaridades artísticas.
A segunda xornada dedicarase aos aspectos históricos e económicos e estará a cargo de Xosé Álvarez, máster en Educación ambiental.