Teatro para crear o "mundo que queremos"
Por Redacción
O CPI Toural de Vilaboa puxo en marcha un obradoiro de Teatro dos Oprimidos entre o alumnado dentro do proxecto de educación para o desenvolvemento 'Cooperación Galega: O mundo que queremos'. Esta iniciativa pretende promover a reflexión dos estudantes sobre a conexión existente entre as desigualdades locais e globais, concienciando e implicando ás novas xeracións na necesidade de dar un paso adiante e construír un mundo mellor e máis xusto.
O Teatro do Oprimido é unha metodoloxía e unha práctica teatral que pretende transformar e denunciar as realidades opresivas a través de medios estéticos e o diálogo entre as persoas que sofren a submisión.
Do mesmo xeito que noutros obradoiros anteriores, o que se busca é a participación e o protagonismo dos alumnos nesta peza teatral creando situacións nas que o teatro se mostra como unha fórmula para todas as clases sociais e poñendo en práctica a educación sobre a igualdade de xénero.
A peza representada polos mozos, 'A viaxe de Ana', conta a historia dunha muller que decide emigrar na procura dunha vida mellor.