Dous dos actores máis populares de "Matalobos" pásanse ao teatro con "Gaivotas subterráneas"
Por Alejandro Espiño
Dous amigos da infancia que, tras reencontrarse, xúntanse nunha casa abandonada no medio do monte. Alí empezarán os reproches e os rancores. ÿ a liña argumental de Gaivotas subterráneas, unha obra de teatro dirixida por Artur Trillo e protagonizada por dous dos actores máis coñecidos da serie Matalobos, Luis Iglesia e Xabier Deive. Representarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o mércores 6 e o xoves 7 de febreiro ás 21:00 horas.
Unha obra que, segundo o seu director, "se asemella ao que sería en linguaxe cinematográfico un thriller, un texto de suspense cargado de ironía dura e humor negro". ÿ, dixo, un espectáculo participativo que "agocha moitas sorpresas e convida ao espectador a permanecer alerta e xogar a adiviñar que vai ser o seguinte que aconteza".
Producida por Talía Teatro, Voz Audiovisual e a RTA, Gaivotas subterráneas estreouse con grande éxito na Coruña, "onde fixo rir ao público máis do agardado", recoñece un dos seus protagonistas, Luis Iglesia. "Conseguimos atraer a xente que non ía ao teatro, porque somos caras coñecidas da televisión, unhas sinerxías que é bo que existan". E agora, tras pasar por Santiago de Compostela chegará a Pontevedra.
Luís Iglesia destacou a harmonía que existe entre o director e dos dous protagonistas da obra. Traballaron xuntos en Matalobos e teñen unha grandísima compenetración o que facilitou a adaptación do texto ao longo dos ensaios. "Démoslle unha volta a este texto de hai 30 anos, a nivel de asunto e de linguaxe para adaptalo aos tempos" e segundo palabras de Luis, "isto non houbera sido sinxelo nin posible traballando con outro compañeiro nin con outro director".
Na rolda de prensa de presentación, Artur Trillo aproveitou tamén para destacar o esforzo que están a realizar as compañías teatrais neste momento non só por mor da crise, senón pola situación da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a Rede Galega de Teatros, que dificulta a contratación e supervivencia das mesmas. "Estamos nunha fase máis que crítica", dixo, al recordar que esta rede debería estar funcionando desde novembro "e ten unha inactividade máis que sospeitosa".
Con el coincidiu Luís Iglesia, quen amosou a súa contrariedade ao ver como "se está a desbotar unha riqueza de actores que levou 25 anos formar e facer competitivos e recoñecidos aos nosos sectores audiovisual e teatral en tan pouco tempo e con tan poucos recursos, do mesmo xeito que se perde esa cercanía co público que admira e se sinte próximo ao produto de éxito que se facía aquí, no país".
As entradas para asistir a algunha das dúas representacións de Gaivotas subterráneas están xa á venda en www.servinova.com a un prezo de 8 euros (5 euros para estudantes, parados e xubilados) e dúas horas antes de cada función na billeteira do Pazo da Cultura.