Rutas do Románico continúa apostando pola música e a cultura na súa XXXIV edición
José Antonio Rodríguez Mouriño, presidente da Fundación Rutas do Románico, xunto co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, foron os encargados de anunciar o comezo desta nova edición das Rutas do Románico, que levarán a cabo ata maio, baseadas en difundir o respecto polas diferentes manifestacións culturais como son, entre outras, a arquitectura, a pintura ou a música, que aparecen recollidas no libro "Ruta Cicloturística do Románico Internacional".
Ademais disto van organizarse os ciclos de conferencias. Nesta ocasión, dedicadas a San Rafael Arnáiz Barón, patrón da Fundación Cultural Rutas do Románico; o ciclo A arte en Galicia e o XVIII Curso Internacional Sobre o Camiño de Santiago e a arte.
Doutra banda, a música xogará un papel fundamental posto que se celebrarán 11 concertos na Real Basílica de Santa María a Maior, a Igrexa de San Francisco e o Teatro Principal, baseándose en ofrecer ao público música clásica. Esta música, a diferenza doutros anos nos que se contaba con grupos internacionais, procede toda da comunidade galega.
"Sorpréndeme a capacidade de contacto cos músicos", engadiu Lores, referíndose máis tarde á gran profundización que se está realizando nos temas de interese xeral.
Con todo iso, quérese conseguir que o patrimonio da cidade de Pontevedra sexa coñecido en todo o mundo, apostando así por temas de interese para a sociedade e para enriquecer o seu coñecemento sobre a cultura da súa terra.
Ambos quixeron destacar o bo facer dos diversos actores, ao conseguir que a maioría das organizacións participantes nestas rutas se ofrezan a colaborar sen ánimo de lucro, co único obxectivo de ampliar o patrimonio cultural pontevedrés.