Non aos concertos, si a outras alternativas culturais
Por Redacción
Ante a imposibilidade de realizar concertos, os responsables do Liceo Mutante están a presentar outras propostas alternativas na súa sala. Esta vez poñen en marcha un evento teatral a través da compañía Pinga Teatro que actuará o 1 de febreiro ás 9 da noite neste espazo alternativo.
Pinga Teatro presenta Casting Tour, un espectáculo que ofrece as probas de actores e actrices para unha telenovela de 400 capítulos con todas as linguas da península e subtítulos en inglés. A comedia conta a historia dun representante do textil catalán que viaxa por toda a península en busca da diversidade interpretativa e non contaminada. Deste xeito, tentará atopar en todos os pobos e lugares da pel de touro, un sistema innovador, tanto na produción do casting como na realización do mesmo, un risco que poucas producións asumirían.
Por outra banda, os representantes da Asociación Cultural Autoxestionada Liceo Mutante de Pontevedra comezaron unha campaña reivindicativa a través da pegada de carteis onde se pode ler: "O Liceo Mutante non é un crime". Unha medida que adoptaron despois de que o 14 de decembro de 2012, a Policía Local de Pontevedra acudira ao local social situado na rúa Rosalía de Castro coa intención de suspender o concerto de música que se estaba a desenvolver. Os representantes da agrupación afirman na súa web que mantiveron conversas con diferentes concelleiros e, malia que a actitude foi boa, continúan sen resolverse as irregularidades polas que non lles permiten realizar concertos.