O premio Johán Carballeira de poesía acada nesta edición un récord de participantes
Por Redacción
O venres pechou o prazo para a presentación de traballos para os premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo, cunha participación récord na categoría de poesía. En total, foron 54 traballos os que optan á décimo novena edición do galardón de poesía, cuxo premio consta de 1.500 euros e a publicación do poemario gañador por parte da editorial Xerais. Destes, 50 traballos foron enviados por correo electrónico e catro en papel.
Pola súa banda, o galardón na categoría de xornalismo, dotado con 1.500 euros de premio, vai afianzándose en número de participantes, con 16 traballos, tan só un presentado en papel e os outros por correo electrónico.
Os premios Johán Carballeira de poesía iniciáronse no ano 1996 desde a Concellaría de Cultura, en homenaxe ao líder galeguista, poeta e xornalista, ademais de alcalde do municipio buenense, Johán Carballeira. Con motivo do éxito acadado ano tras ano, no 2002 decidiuse apostar por unha nova modalidade: a de xornalismo, que vai xa pola súa décimo terceira edición.
Ao longo da súa andaina, este concurso ten premiado a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés ou Ismael Ramos Castelo (gañador da pasada edición). Na categoría de xornalismo destacan Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias ou Arturo Sánchez Cidrás (gañador da pasada edición).
Agora, tras a recompilación dos traballos, desde o departamento de cultura están a traballar na composición do xurado que será o encargado de decidir o gañador ou gañadora desta edición dos premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo.