Mozart e Rosinskij, segundo o Cuarteto de Corda da Orquestra Sinfónica de Galicia
Por Redacción
O próximo martes, día 29, a Sociedade Filharmónica de Pontevedra ofrecerá aos seus subscritores un novo concerto. Estará a cargo do Cuarteto de Corda da Orquestra Sinfónica de Galicia. Terá lugar no Teatro Principal ás 20:30 horas, e este enmárcase dentro do Ciclo de Cámara e Lied que promove a Orquestra Sinfónica de Galicia en colaboración coas Sociedades Filharmónicas galegas.
Os compoñentes deste cuarteto son instrumentistas da sección de corda da Orquestra Sinfónica de Galicia, e todos eles contan cunha dilatada experiencia e unha profesionalidade de alto nivel. O grupo está formado por Lilia Kirilova e Marcelo González Kriguer (violíns), Eugenia Petrova (viola) e Rouslana Prokopenko (violoncelo).
No programa, poderanse oír obras de Mozart, Lera Auerbach, Wladimir Rosinskij e Shostakovich. A obra de Rosinskij é estrea absoluta, e está escrita especialmente para este concerto.