Rap para incentivar o uso do galego
Por Redacción
A concellaría de Normalización Lingüística é a encargada da celebración do concerto da rapeira Aid este venres ás 12:30 do mediodía co obxectivo de achegar a música feita en galego aos mozos. Máis de 400 alumnos dos centros de secundaria A Xunqueira 1, Sánchez Cantón, Frei Martín Sarmiento, Luís Seoane, do colexio Salvador Moreno e da asociación Amencer asistirán a esta actividade que conclúe cos obradoiros de rap en galego nos que participaron 350 estudantes de ESO e de bacharelato da cidade.
Neste concerto, a rapeira cantará temas do seu libro-disco Rapoemas no que musicou poemas de clásicos galegos como Rosalía, Curros Enríquez, Manuel Antonio e Cunqueiro dándolle un estilo hip hop.
Aida Alonso Iglesias, Aid, é cantante e compositora de hip-hop e música urbana. Nacida en Vigo hai 22 anos xa gañou a IV edición do Festival Heineken Greenspace en Valencia en 2007 por diante de máis de 1.300 grupos sendo a artista máis nova que logra este galardón. Dende entón segue compoñendo e gañando concursos ademais de ofrecer obradoiros de hip hop en centros culturais galegos.