O día 1... segue a Marcha... Radetzky!
Por Cristina Saiz & Marisa Ciordia
A primeira cita musical de 2016 en Pontevedra é única, e non é esaxeración. O concerto de Aninovo, que combina a música orquestral co ballet, é un espectáculo feito e producido en Galicia, o que o sitúa como o único destas características que se poden gozar nesta comunidade. A esa excepcionalidade hai que sumarlle que sexa precisamente o un de xaneiro, o que o converte nun dos poucos que se celebra en España o primeiro de ano.
A uns máis, a outros menos; o concerto de Aninovo, lévalles á capital austríaca a través da pantalla de televisión. A diferenza da estampa da Sala Dourada da Sociedade Musical de Viena, no Pazo da Cultura os artistas que ocuparán o escenario son novos ou moi novos.
E ese espírito xovial tamén se trasladará ao público asistente: "pretendemos que o público se divirta, que interactúe, e por aí vai a sorpresa que gardamos", avanza Fernando Briones. Este mozo coruñés, profesor do Conservatorio Superior da Coruña e director da Orquestra e Coro Gaos, será o mestre invitado que leve a batuta. "Vai ser un concerto divertido; para todos os públicos. Perfecto para empezar o ano con toda a enerxía a lume de biqueira", advirte.
Mercedes Suárez dirixe o Centro Coreográfico Galego, -neste caso como coreógrafa do BalletNorte-, e repite por cuarto ano consecutivo, os mesmos que leva celebrándose este evento. "Estamos encantados con este concerto. A música é excepcional e os bailaríns tamén. Vai ser unha celebración ideal para Pontevedra. Comezar o ano cun concerto así, seguro que dará boa sorte", di Mercedes.
Pasado o verán comezan os prolegómenos aínda que é a comezos de decembro cando se intensifican ensaios, organización e montaxe. Pechada a selección de composicións musicais, na primeira parte do recital os protagonistas serán a Orquestra Filharmónica de Pontevedra e o seu director. Interpretarán o "Capriccio espagnol" de Rimsky Korsakov e "El sombrero de tres picos" de Manuel de Falla; de forma que será o tramo innovador do programa.
Na segunda parte combinarase o ballet con valses e polkas da familia Strauss. Tres parellas de bailaríns ofrecerán este apartado máis visual do concerto. Un dos hándicaps que terán é o espazo limitado do escenario e o segundo "axustarse ao tempo" dun concerto en directo. "Cada director dirixe á súa maneira. Neste caso Fernando prestouse desde o primeiro momento e foi moi colaborador", agradece Mercedes Suárez.
Os 55 músicos da Orquestra, tamén teñen os seus retos: "cada director ten a súa versión das obras e iso é algo difícil de cadrar para unha orquestra. Nós dependemos tamén de estados de ánimo" explica Ignacio García, presidente da Filharmónica. Para conxugar eses "tempos", "versións" e "estados de ánimo" esta semana ensaian dous días conxuntamente, director, músicos y bailaríns.
En toda esta ensamblaxe participa igualmente o Pazo da Cultura. Han de dar resposta ás necesidades destes artistas, nun mes tan complicado como decembro; en plenas datas do Nadal, e máis aínda, o primeiro de ano. É precisamente este concerto, o único da programación anual, que require ampliar o escenario para dar cabida e espazo a músicos e bailaríns.
Pilar Portela, xerente do Pazo, explica que "o que se fixo é ampliar dous metros e medio o escenario cara a adiante. Sería posible que a orquestra estivese abaixo, pero non sería tan vistoso nin soaría tan ben como resulta desta forma. Desde o Pazo da Cultura facemos unha aposta moi importante por este concerto, pero o esforzo e despregamento que facemos merece a pena, porque ademais cada ano temos máis público". De feito a venda das entradas a escasos días do concerto é boa.
Outro aliciente que ten este concerto é a presenza da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Unha cidade como esta, con entidades centenarias ou próximas aos cen anos como a Coral Polifónica, a Sociedade Filharmónica, o Conservatorio e a Banda Municipal de Música: "carecía dunha orquestra. É algo necesario para a cultura de Pontevedra. Quizá se poida entender como algo elitista, pero non o é", argumenta Ignacio, que encabeza este proxecto desde que se constituíu en 2006. "Para nós é unha oportunidade de asentar a orquestra, e proxéctanos para todo o que temos preparado para este próximo ano. Estamos a quedarnos sen concertos en directo de orquestra e nós podemos ocupar ese espazo", engade.
Non hai escusa. O un de xaneiro, a cita será ás sete da tarde no Pazo da Cultura. Concerto post almorzo ou concerto vespertino, concerto en solitario, en parella, con amigos ou familiar; pero sobre todo un concerto excepcional para celebrar a chegada de 2016. Vaiamos quentando palmas.