Aprender a facer retratos na era do ‘selfie’
Por Redacción
Este luns comeza a primeira quenda do obradoiro infantil 'Retratos de Nadal' que, aproveitando a actual exposición do fotógrafo Virxilio Viéitez, permitirá que as crianzas traballen ao redor do retrato fotográfico.
Neste obradoiro, os nenos visitarán a exposición da man do Gabinete Didáctico do Museo para coñecer especialmente as imaxes dos pequenos da Galicia das décadas de 1960 e 1970, así como as das súas familias e contorna histórica. A partires da visita da exposición, realizarán un adorno de Nadal a partires do seu propio retrato fotográfico.
O obradoiro comeza este luns día 21, e continuará o 22 e o 23 para nenos de 5 a 8 anos. A vindeira semana celebrarase os días 28, 29 e 30 de decembro para nenos de 9 a 12 anos. Todas as quendas teñen unha duración de dúas horas e un total de 15 rapaces participantes. Todas as prazas de todas as sesións están completas.
A SEREÍÑA
O martes 29 ás 18:00 horas o Sexto Edificio acollerá o conto musical a piano 'A Sereíña'. Un espectáculo que integra literatura, música e pintura, e que está centrado no conto infantil do mesmo título que foi escrito polo autor dinamarqués Hans Christian Andersen. Será un concerto a catro mans que correrá a cargo das pianistas Patricia Rejas e Blanca Palomar e que interpretarán doce pezas do compositor alemán Robert Schumam.
Esta interpretación musical estará acompañada por imaxes do conto en acuarela, autoría da pintora Marta Román, e pola voz de Ailén Kendelman Mouzo. A entrada a este espectáculo é gratuíta ata completar aforo.