Verónica Forqué, Gabino Diego ou Tricicle, teatro en Afundación no primeiro semestre de 2016
Por Alejandro Espiño
Verónica Forqué, Gabino Diego, Antonio Garrido ou os tres integrantes de Tricicle. Son algúns dos grandes nomes da escena teatral española que pasarán por Pontevedra nos próximos meses. As obras que protagonizan todos eles foron incluídas na programación teatral de Afundación na cidade do Lérez para o primeiro semestre de 2016, segundo desvelou este venres a entidade.
A primeira cita será o día 24 de xaneiro ás 19.30 horas coa obra Buena gente de David Lindsay-Abaire, dirixida por David Serrano e protagonizada por Verónica Forqué, Juan Fernández, Pilar Castro, Susi Sánchez e Diego París.
Margarita (Verónica Forqué), unha muller de case sesenta anos, nai solteira dunha moza discapacitada de corenta, no seu día a día só goza dos bos momentos que pasa no bingo coas súas amigas, onde non sabe se vai poder seguir indo porque acaba de ser despedida. Pero todo pode cambiar nun segundo: Margarita atópase de novo con Raúl, o amor da súa adolescencia, que vive nunha mansión de luxo e conduce un deportivo.
Tricicle presentará en marzo a súa última proposta escénica, Bits, coa habitual participación dos seus tres integrantes, Carles Sans, Joan Gràcia e Paco Mir, poderá verse, o 16 de marzo ás 20.30 horas.
Partindo do concepto dos BITS, unidades mínimas de información binarias que alimentan o mundo dixital, nesta nova proposta, Tricicle, coma se fosen Bits, pasan nun milisegundo dun sketch a outro á velocidade dun click dun rato virtual. Así, cambian de tema, de decorado, de personaxes, de lentes, de sexo, e mesmo recuperan a vellos coñecidos para facerse un pequeno auto-homenaxe, buscando sempre a maior taxa de Densidade de Gags por Minuto Posible (DGMP).
Afundación clausurará a súa tempada teatral o día 28 de abril ás 20.30 horas coa representación de Nuestras mujeres de Eric Assous, dirixida por Gabriel Oliveirais. Con Gabino Diego, Antonio Garrido e Antonio Hortelano no elenco, conta a historia de tres vellos amigos que quedan para xogar a súa habitual partida de cartas, pero un deles atrásase á súa cita porque ten unha razón de peso: asasinou á súa muller.
A obra trata temas universais como o valor da amizade, o deber, a idea de xustiza e, por encima de todo, a loita entre o correcto e o incorrecto. A mentira, o machismo, a permisividade, a manipulación... Un conflito que pon a proba a Max, Paul e Simón nunha noite que pode supoñer a ruína dos tres.
As entradas para esta tempada teatral estarán á venda, desde o vindeiro luns 21, a través dos seus abonos, dispoñibles na web de Ataquilla.com, e no despacho de billetes telefónico, 902 504 500. A venda dos abonos estará aberta ata o próximo 15 de xaneiro.
Relacionadas:
-
A violencia de xénero chega a Afundación da man do teatro
Por Diego Torrado |
-
O humor xestual de Tricicle triunfa en Pontevedra con "Bits"
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Volve o teatro a Afundación con Veronica Forqué sobre o escenario
Por Redacción |
-
Verónica Forqué e Juan Fernández inauguran a tempada teatral de Afundación
Por Redacción |
-
Última oportunidade para comprar os abonos da nova tempada teatral de Afundación
Por Redacción |
-
A divertida e emotiva "El hijo de la novia" pon fin á tempada teatral de Afundación
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
"Nana para un soldado" de Teatro dos Ghazafelhos abre as funcións para escolares de Afundación
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
'Windermere Club' convence ao público de Pontevedra en Afundación
Por Redacción |