Música clásica en directo para recibir o Aninovo
Por Alejandro Espiño
Pontevedra volverá recibir o novo ano con música clásica en directo. O Pazo da Cultura acollerá o próximo venres 1 de xaneiro, ás sete da tarde, o Concerto de Aninovo que, por cuarto ano consecutivo, estará protagonizado pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra e o BalletNorte. "Será un inicio cultural moi forte para o ano que estamos a preparar", sinalou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, na súa presentación.
A concelleira, que agradeceu repetidamente a colaboración destas dúas agrupacións e do director convidado, Fernando Briones, destacou a boa acollida desta iniciativa porque "cada ano ven máis xente e iso que é un día complicado". Asegurou que se trata dunha proposta cultural que é do agrado do público e que atrae a novos públicos á música clásica.
Pola súa banda, o presidente da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Ignacio García, destacou o traballo que realizan durante meses xa que "aunque sólo ensayemos con el ballet dos días, hay mucho trabajo detrás que a veces no se ve". Un traballo coordinado por un novo director, xa que explicou que cada ano cambian "para ver puntos de vista distintos", aínda que xa o feito de contar co ballet "es algo excepcional".
Neste sentido, Fernando Briones asegurou estar "encantado" por dirixir este concerto de Aninovo. "Va a ser muy interactivo y habrá sorpresas. Vamos a empezar el año con mucha energía y ganas el día 1, que normalmente es un día que no existe y saltamos directamente del 31 al 2", afirmou. Na primeira parte será un concerto máis "contemplativo, pero muy marchoso", mentres que a segunda parte xa incluirá os clásicos valses e polcas de Strauss Jr.
O programa do concerto, a falta dalgunha sorpresa que non se quixo desvelar, é o seguinte:
- Primeira Parte
- M. de Falla: El sombrero de tres picos, (Suite nº1)
- N. Rimsky-Korsakov: Capriccio espagnol, Op. 3
- Segunda parte
- J. Strauss Jr.: Die Fledermaus (O Morcego)
- J. Strauss Jr.: Annen Polka, Op. 117
- J. Strauss Jr.: Kaiser-Walzer, Op. 437
- J. Strauss Jr.: Tritsch-Tratsch Polka, Op. 214
- J. Strauss Jr.: Perpetuum Mobile, Op. 257
- J. Strauss Jr.: Frühlingsstimmen (Voces de Primavera), Op. 410
- J. Strauss Jr.: Unter Donner und Blitz (Tronos e Lóstregos), Op. 324
En varias destas pezas os músicos estarán acompañados por seis bailaríns -tres parellas formadas por home e muller- do BalletNorte. Desde esta compañía, Paloma Pérez Colomer explicou que son unha agrupación nova, "pese a que todos son ex componentes del Centro Coreográfico Galego con muchísima experiencia y con ganas de trabajar". Afrontan, dixo, esta actuación "con mucha ilusión".
As entradas están xa á venda a través de www.ataquilla.com. Teñen un prezo de doce euros e de dez para estudantes, parados e xubilados. No caso de non esgotarse, estarán dispoñibles dúas horas antes do concerto na billeteira do Pazo.