Xoel López: "Paramales recupera cousas que deixara atrás. Non teño necesidade de diferenciarme tanto de Deluxe"
Por Alejandro Espiño
Desde que o pasado 26 de maio Xoel López (A Coruña, 1977) publicase o seu segundo disco en solitario, Paramales -o oitavo da súa carreira musical-, o artista galego non parou de colleitar éxitos. Cun disco que moitos cualifican como o máis arriscado da súa traxectoria, logrou afianzarse como unha das grandes referencias da escena independente española. E faino cunha aposta firme e rotunda por novos sons.
Así gozaremos del, este venres 11 de decembro a partir das dez da noite, no auditorio do Pazo da Cultura, onde acompañado pola valenciana Helena Goch, recala unha xira que non está a deixar indiferente a ninguén. Pero antes, fala nesta entrevista con PontevedraViva sobre este novo disco, as influencias folk que trouxo de Latinoamérica ou da aposta por recuperar sons do seu pasado recente como Deluxe.
O pasado venres actuaches na Coruña, agora vés a Pontevedra e Vigo. Imaxino que son concertos especiais para ti, non?
Claro que si. Non só porque eu sexa de alí, senón porque as miñas cancións tamén teñen máis sentido nese contexto. Hai cousas que non teño que explicar cando estou en Galicia, máis aló de A serea e o mariñeiro, a canción que canto en galego no novo disco. A esencia de ser un galego fóra de Galicia, un sentimento que impregna as miñas cancións, conecta directamente coa xente. Non digo que noutros lados non o faga, pero aquí é instantáneo.
E que nos espera no concerto de Pontevedra?
Esta xira é con toda a banda. Especifícoo porque os músicos agora temos que adaptarnos a moitos formatos e ás veces vou só. Pero neste caso acompáñanme sete músicos. Era a única forma de que todos os arranxos que soan no disco, que son moitos aínda que ás veces non se noten, estivesen nos directos e puidese aproveitar toda esa riqueza sonora. Diríalle á xente que merece moito a pena. Que aproveiten esta oportunidade.
Nel, presentas Paramales. Para un artista sempre é complicado definir o seu propio traballo, pero que destacarías deste novo disco?
É difícil sempre, pero cada vez cústame máis (ri). Todo se vai desdibuxando. Se me preguntas con 18 anos, diríache que as miñas influencias eran The Who ou Os Beatles, pero co paso do tempo acaba todo mesturado, non só en canto a música, senón tamén os poemas que liches, as experiencias que tiveches... E Paramales é un pouco iso, unha diversidade. É o disco máis variado da miña carreira. Creo que hai diferentes propostas nel.
A nivel emocional é tamén moi variado e mostra a complexidade do ser humano. É o reflexo dun mundo interior cada vez máis complexo. Nótanse as experiencias que vas acumulando, pero á vez que sentes máis dúbidas á hora de facer as cousas. É a filosofía da miña vida. E claro, tamén se nota que se gravou entre Buenos Aires, A Coruña e Madrid. Hai un sentimento de mudanza, de idas e de vidas, musical e persoalmente.
"Se me preguntas con 18 anos, diríache que as miñas influencias eran The Who ou Os Beatles, pero co paso do tempo acaba todo mesturado (...) E Paramales é un pouco iso, unha diversidade"
Atlántico foi un cambio de estilo para ti, pero non se se coincides comigo en afirmar que Paramales vai mesmo un paso máis aló...
Si, é case un Atlántico 2.0. Atlántico foi unha ruptura musical que veu derivada dunha ruptura vital. Fun a vivir a América Latina e iso viuse reflectido na miña música. Desmarqueime moito do que fixera ata ese momento. Paramales é a continuación dese proceso, en certo sentido, é un disco de transición. Sigo con ese son, pero tamén recollo cousas que deixara atrás. Non teño a necesidade de diferenciarme tanto. Todo ten cabida.
Hai por tanto un certo regreso ao son Deluxe?
Creo que había unha conta pendente. É unha aproximación ao Deluxe dos primeiros discos en inglés, a cousas que non me atrevía a facer cando decidín empezar a cantar en castelán. Cría que non ían quedar ben. Agora atópome nunha etapa máis arriscada. Atrévome coa música negra, o soul, o funk... É un paso adiante.
De feito, Paramales é un disco bastante positivo pero inclúes tamén Todo lo que merezcas, unha canción deliciosamente bela pero moi dura...
É unha beleza cruel. Non vai dirixida a ninguén en especial. Reflicte un sentimento que todos vivimos algunha vez. Nela hai certo grao de violencia emocional. É un estilo moi rancheiro, como de despeito. Non é en ningún momento unha canción que manifeste o que son eu normalmente, non son unha persoa que crea no ollo por ollo. Pero era unha forma de sacar o que menos nos gusta de nós. A música axuda a desafogarse.
Neste novo disco tamén asoma a túa vertente máis reivindicativa, Sol de agua é un bo exemplo. Era necesario para ti expresarte desa maneira?
Igual que pasa con Todo lo que merezcas, é unha canción coa que a xente sente identificada. É inevitable que nestes últimos anos a xente sentírase decepcionada e estafada a nivel social e político, algo que fixo que haxa máis xente involucrada na política. É unha canción que fala de como algo que parecía ser unha cousa acaba resultando ser outra. Esa sensación de engano vivímola.
En Paramales inclúes, por ver primeira nun disco teu, unha canción en galego -A serea e o mariñeiro-, era unha conta pendente para ti?
Xa gravara algún tema en galego como unha versión de Quen puidera namorala de Luís Emilio Batallán ou Ollos de sal con Xosé Manuel Budiño, pero esta é a primeira vez que canto en galego unha canción miña, escrita por min. Parecíame que tiña calidade suficiente para estar no disco e apetecíame moito que estivese. Seguirei facéndoo? Non o sei. Depende do momento e da canción. É unha porta que queda aberta. Xa veremos.
Falando de reivindicacións, como ves o estado da industria musical nestes momentos?
Estes últimos anos foron moi difíciles para todos. Non falo dos artistas que venden millóns de discos e viven demasiado ben. O problema é a xente de clase media e baixa, aos que cada vez nos custa máis ir de xira. A subida do IVE afectounos a todos por igual e creo que é inxusto. Foi un pau moi grande. Loitamos por sobrevivir e moitos non o conseguiron. Foi unha maneira de poñer a cambadela a grupos emerxentes, músicos de gran talento que estaban ao límite e agora, con sorte, poden seguir tocando pero compaxinándoo con outro traballo. Poucos pensan xa en vivir da música.
"Volver a gravar as cancións de Deluxe? É algo que podería ser moi bonito (...) Teño decidido que tarde ou cedo o farei, pero non sei aínda cando nin como"
Aproveita entón que hai eleccións nuns días. Que lle pedirías ao próximo presidente do Goberno, sexa o que sexa?
Que baixe o IVE, por suposto. Pero sobre todo que trate de poñer fin á desigualdade social que hai neste país. É o problema fundamental que temos.
Agora estás centrado na xira de Paramales, pero tes en mente xa novos proxectos?
Sempre teño catro ou cinco cosas na cabeza. Agora é verdade que estou moi centrado na xira do disco e cústame pensar noutros proxectos. Pero estou a darlle voltas publicar un libro de poemas no que recuperar letras de cancións que nunca cheguei a gravar. É unha idea. Ademais, aínda que estou de xira vou escribindo regularmente novas cancións, así que cando teña material suficiente empezarei a pensar en gravar un disco novo.
Nos teus directos rescatas de forma habitual cancións da túa etapa como Deluxe. Algunha vez pensaches e regravalas co teu estilo actual?
É algo que podería ser moi bonito. A miña carreira está bastante desordenada ao ter diferentes proxectos como Deluxe ou Lovely Luna e teño ganas de ordenalo todo. Teño decidido que tarde ou cedo o farei. Non sei aínda cando nin como. Pensei en revisar esas cancións e gravar un recompilatorio ou un disco en directo con colaboracións... Xa ves, está todo no aire pero si, teño ganas de facelo.