O Salón do Libro presenta o cartaz da súa 17º edición "Canta Bichería!" dentro do Culturgal
Por Redacción & Diego Torrado
A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, presentaba este sábado, dentro do Culturgal, o cartel que ilustrará a vindeira edición do Salón do Libro, a número 17 xa, que levará por título "Canta Bichería" e terá lugar entre o 1 e o 23 de abril de 2016.
Logo de manifestar o seu agradecemento ao público que se achegou, convidou a todos os que aínda non o coñecen a achegarse o próximo ano. "É un proxecto fermosísimo que ten unha pretensión moi clara e sinxela que é achegar a lectura a todos e todas, aos nenos e nenas. Un lugar onde ocorren cousas xeniais: milleiros de libros, teatro, ambientación e sobre todo o traballo dos centros de ensino que adican moitas horas a elaborar verdadeiras obras de arte".
Un ano máis, a creadora do cartel foi elexida entre as propostas da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Foi María Álvarez Hortas, "Yupiyeyo" a quen a concelleira agradeceu o seu grandísimo traballo. Pola súa parte a ilustradora, que naceu en Lugo pero vive en A Coruña e compaxina a ilustración co traballo como técnica audiovisual, manifestou a súa ledicia: "O Salón do Libro polo seu peso e traxectoria é un escaparate importantísimo no que amosar o meu traballo e un pequeño agasallo a miña familia e os meus amigos que me animan nesta carreira de fondo que é vivir da ilustración".
Sobre o cartel, escolleu dentro do concepto "bichería" os bichos "porque me parecía interesante a idea dun micromundo dentro doutro mundo e tamén a idea de xogar dentro do mundo dos libros e por iso os bichos están arredor dunha pila deles, xogando coma se foran de excursión".
A continuación, Anxos Riveiro deu a palabra a Ledicia Costas, logo de lle agradecer ter aceptado a proposta que se lle fixo hai meses: escribir un libro para o Salón do Libro. A galardoada escritora púxose mans a obra ata rematar "As peripecias de Extravaganzza Pérez" que verá a luz en xaneiro.
"Para min foi un agasallo abrir esta xeira de Salóns do Libro que van a ter como punto central para construir a ambientación un libro. Cando os escritores nos poñemos cun traballo, métemonos na historia e para min foi foi especial saber que todo o mundo ía entrar realmente na miña historia, abrir ese mundo tan individual ao público grazas a ambientación do Salón. Era imposible dicir que non. Estou emocionada. Non sei se sabedes que o Salón do Libro de Pontevedra non ten nada que envexar a salóns de grandes cidades de España, e se o lema de Culturgal é Presume de Cultugal, creo que tamén temos que presumir de Salón do Libro."
Tal e como desvelou Ledicia, "Extravaganzza, a protagonista da historia, é unha nena moi peculiar: primeiramente porque naceu con lentes, por mor dunha discapacidade visual moi grande que ela suple coa súa forza e valentía. É, como non podía ser doutro xeito, unha amante dos animais e ten unha sensibilidade moi especial no trato con eles. A súa historia, non deixa de ser unha viaxe por ese mundo fantástico no que ela vive"
Para pechar a presentación, a concelleira de Cultura comentou que "o proxecto está moi consolidado e precisa do cariño e da implicación de moitísima xente: os mestres son o motor, as compañías teatrais, vecinos, veciñas que colaboran, etc. Está aquí xente que sacou este proxecto adiante no 99: Luis Bará. Xente que xa non está, xente que o que quere é achegar aos nenos a lectura e a todo o que esta provoca neles".
A todos eles agradeceu o seu traballo e non deixou de convidar a gozar do 1 ao 23 de abril todas as tardes da semana e as fins de semana a "visitar o Salón e meterse nesta historia tan marabillosa que escribiu Ledicia"
Relacionadas:
-
"Merendando contos" cos máis pequenos nas librerías de Pontevedra
Por Elena Álvarez Quintá |
-
'As peripecias de Extravaganzza Pérez', Orbil e moita bichería para facer medrar o amor polos libros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os 'bichos' invaden o Pazo de cara o Salón do Libro Infantil e Xuvenil
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Extravaganzza Pérez, unha nena coas ideas moi claras, protagonista do novo libro de Ledicia Costas
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Así foi o domingo no Culturgal
Por Redacción |
-
O sábado, día grande de Culturgal 2015
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Abre as portas o Culturgal, a cita no Recinto Feiral para presumir de cultura galega
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A exposición 'Somos espazo' e unha unidade didáctica sobre Castelao, propostas da Deputación para Culturgal
Por Redacción |
-
'As peripecias de Extravaganza Pérez' de Ledicia Costas, primeiro libro editado con motivo do Salón do Libro
Por Anxo Lourido |
-
Os animais, protagonistas do XVII Salón do Libro baixo o título 'Canta bichería!'
Por Redacción |