A Deputación e a Xunta manteñen a colaboración nos certames 'Nélida Piñón' e 'Francisco Asorey'
Por Redacción
O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, mantiveron este xoves unha xuntanza de traballo para concretar as colaboracións entre as administracións provincial e autonómica en proxectos conxuntos para o vindeiro ano. En palabras de Xosé Leal "é importante manter a colaboración institucional e que cada administración coñeza o traballo que se fai desde a outra no eido cultural".
Un dos puntos nos que acordaron manter a colaboración iniciada no anterior exercicio foi no apoio de ambas institucións aos certames de narrativa 'Nélida Piñón' e ao de escultura 'Francisco Asorey', convocados polos concellos de Cotobade e de Cambados respectivamente.
Neste punto estudarase con ambos concellos a posibilidade de asinar un convenio específico que recolla as correspondentes colaboracións. O certame de narrativa 'Nélida Piñón' foi convocado este ano por primeira vez polo Concello de Cotobade, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación de Pontevedra, e está dotado con 6.000 euros destinados ao relato breve gañador.
O certame de escultura 'Francisco Asorey' chegou este ano á súa segunda edición e está convocado pola asociación que leva o nome do escultor, o Concello de Cambados, a Consellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra. Está destinado a creadores noveis e establece un primeiro premio de 5.000 euros e dous accésits de 1.000 euros cada un.
Xosé Leal afirmou que manter o apoio e a colaboración nestes dous certames se corresponde "co papel de referencia que a propia Deputación ten na promoción da escultura, a través da Escola de Canteiros, e na difusión da lingua galega e a literatura no caso do certame de narrativa".
Tamén no eido dos premios, Xosé Leal e Anxo Lorenzo acordaron manter a colaboración das administracións que representan na convocatoria do premio honorífico 'Otero Predrayo', que desde o ano 1977 veñen concedendo as deputacións provinciais e a Xunta de Galicia.
Na mesma xuntanza, o deputado provincial de Cultura trasladoulle ao secretario xeral de Cultura as actuacións que o seu departamento ten previstas no marco do Ano Castelao e na conmemoración do centenario de Castelao a Pontevedra, así como na conmemoración da creación das Irmandades da Fala.