MiniPazo Club, unha proposta lúdica e cultural para os pequenos da casa
Dentro da programación do Pazo da Cultura, os nenos sempre tiveron un protagonismo especial. Non só co Salón do Libro, a estrela da oferta cultural na cidade, senón con outras actividades que, ano tras ano, fóronse abrindo un oco entre as preferencias das familias pontevedresas como Domingos do Principal, o Festival das Núbebes ou, máis recentemente, o Festival das Cóxegas.
Son, todos eles, programas que buscan que os máis pequenos da casa teñan os seus primeiros contactos coas artes escénicas, educándoos para crear desde a infancia un público crítico, fiel e educado.
Pero nos últimos anos, tamén se apostou por un ámbito máis formativo e lúdico. Trátase de obradoiros nos que os nenos poden desenvolver as súas inquietudes artísticas e que foron agrupados baixo a denominación de MiniPazo Club.
En total, son catro obradoiros: A procura do tesouro, A hora do conto, Experimenta e RockLab.
As catro propostas, que ofertan preto de 300 prazas en total, están promovidas pola Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra. Son desenvolvidas integramente en galego e, dirixidas a nenos entre 4 e os 16 anos, e as súas sesións -que se celebran ao longo da semana en diferentes grupos- teñen lugar nas instalacións do Pazo da Cultura.
Á procura do tesouro é un obradoiro impartido por monitores da compañía Migallas Teatro, baixo a coordinación de María Campos. Trátase dun programa de expresión dramática, plástica e musical, destinado a nenos entre os catro e os dezaseis anos. Nel, trabállase para estimular a fantasía e as aptitudes comunicativas e creativas dos nenos, fomentando a aprendizaxe do noso folclore e da nosa vila e favorecendo a expresión oral e escrita en galego.
"Aquí facemos un pouco de todo", explica María Campos. "Son sesións de hora e media concibidas para que o neno estea en activo desde o momento no que chega". Comeza sempre, sinala, cunha parte na que os rapaces escoitan historias e contos en torno á arte ou o pintor sobre o que se está a traballar e, a continuación, gozan coa expresión plástica "no sentido amplo da palabra", xa que "pintan, cosen ou recortan sobre o tema de cada día".
A coordinadora de Migallas afirma que cada obradoiro "é un mundo" e iso nótase, sobre todo, na parte dedicada á expresión dramática. "Diante do grupo vanse expresando de moitas maneiras: falando, sorrindo, bailando… o que pretendemos é que se expresen e saquen fóra o que levan dentro, xogando con todo o que teñen ao seu alcance", asegura, xa que o obxectivo é que os rapaces se desinhiban. E por iso buscan cousas novas para cada sesión.
O resultado é magnífico, segundo recoñece María Campos. "É algo marabilloso. Cada sesión é como se sairamos ao escenario e, tamén para nós, é unha aprendizaxe constante", subliña minutos antes de comezar un destes obradoiros. "Sorpréndete mesmo cun simple debuxo, coa forma coa que cho explican. Alucinas porque a súa maneira de contar as cousas é fabulosa. É toda unha paixón. Se non o vives así, non vale para nada", conclúe.
A cara máis musical dos obradoiros infantís do Minipazo Club vén da man de RockLab Team, un colectivo formado polos músicos Gonzalo Maceira, Alejandro Gayoso e Violeta Mosquera. É unha actividade dirixida a nenos maiores de catro anos. Segundo as idades e os coñecementos previos dos rapaces, cada grupo persegue uns obxectivos diferentes que van desde as primeiras nocións da música ou a creación dunha banda ata a gravación dun disco.
Despois da experiencia do ano pasado, segundo explica Gonzalo Maceira, tiñan claro que "queríamos hacer un poco de cantera con los más pequeños", comezando a vivir a música desde o principio. Todos eles, di, teñen un "gran sentido musical". E cos grupos que xa se formaran "apostamos por ser más creativos", de forma que cheguen a crear as súas propias bandas e compoñer texturas e cancións.
Así, entre os maiores, cada monitor fai de titor dunha banda para que vaian traballando entre eles de forma coordinada e, as máis avanzadas, formaron un grupo só de rapazas "que construirán una banda desde cero, las llevaremos a un estudio, grabaremos con ellas un videoclip y les produciremos un disco", explica este músico que, na actualidade, dirixe a actividade da banda xuvenil Furious Monkey House.
A el "siempre me sorprenden porque veo que hacen cosas que yo a su edad no hacía ni de broma, tienen una chispa increíble". Todo iso, segundo explica, foméntase porque neste obradoiro "les damos un punto creativo y espontáneo, una libertad en donde cada uno pueda hacer lo que les de la gana y encontrar un sentido dentro de un equipo… y ellos lo viven todo que es una caña verlos".
A hora do conto é un proxecto de animación á lectura que vén da man de Pavís Pavós, un grupo de narradores liderados por Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez que teñen a finalidade de transmitir aos nenos, a partir dos catro anos, o gusto polos libros. Partindo da oralidade, traballan en torno ás historias tradicionais galegas para estimular a imaxinación a través dos sentidos. Todo iso baixo o título Pico, pico, mazarico, tomado dunha ladaíña tradicional.
"Buscamos introducir os nenos no mundo da lectura a través dos contos e dun xeito lúdico", asegura Tareixa Alonso, sinalando que a súa compañía aposta por transmitir a tradición oral galega e "xogando con ela". Así, entre outras actividades, os nenos fan xogos e avelaíñas, aprenden cancións e fan contos de nova creación. Todo iso atendidos en todo momento por varios monitores que os axudan a ler os contos "e conversan con eles".
Os nenos "responden moi ben" a estas propostas, segundo a integrante de Pavís Pavós, que explica que despois dunha primeira aproximación aos contos que teñen ao seu dispor, escoitan unha sesión de contos e deseguido eles mesmos desenvolven a súa creatividade e se poñen mans á obra con actividades que teñan que ver coa temática das historias que acaban de compartir. E todo iso dun xeito divertido.
Así, apelando á orixinalidade e imaxinación dos rapaces, os monitores propoñen xogos e todo tipo actividades relacionadas co entretemento ou fomentan a expresión plástica para crear un ambiente no que a lectura convértese un punto de partida dun mundo cheo de fantasía e aventuras.
Experimenta é un obradoiro impartido pola artista Itziar Ezquieta que busca espertar o interese dos nenos polo mundo da arte, o deseño, a arquitectura ou a cultura visual dun xeito diferente, multidisciplinar e aberto. Está dirixido, en diferentes grupos, a nenos de entre catro e doce anos. Aproveitando a súa proximidade á sala de exposicións do Pazo, presenta actividades que provocan que os rapaces comecen a apreciar o universo artístico.
Segundo explica Itziar Ezquieta, este obradoiro traballa por proxectos vinculados ao mundo da creación e a cultura visual, aproveitando a temática, estética e contidos da programación expositiva do Pazo da Cultura. "Es una iniciativa creativa que va más allá de simple cultura, se trata de acercar a los niños de forma lúdica al arte", asegura, aínda que matiza que "no es un taller de pintura al uso".
Trátase, sinala, de "hacer ver al niño cómo se puede integrar en el mundo del arte a través de experimentos visuales", chegando a incluír incluso o cinema e as artes audiovisuais coa incorporación na programación de curtametraxes de animación. E cada sábado -día no que se celebran as sesións deste obradoiro- cunha temática diferente e actividades que, incluso, adáptanse aos gustos de cada un dos rapaces.
Para avanzar nesta aproximación, a monitora aposta por xogar coas exposicións e, entre outras actividades, propón aos rapaces localizar fragmentos dos cadros, repartir mapas nos que situarse e atopar obras determinadas ou, no caso dos máis maiores, facer que se fixen nas pezas expostas e, despois de volver á sala de traballo, tratar de facer unha reprodución a partir do recordo que lle quedou delas.