ÿxito de público na estrea da curtametraxe de Pablo Cacheda
Por Redacción
Pablo Cacheda estudou no Instituto Sánchez Cantón e aquí era onde quería presentar o seu último traballo cinematográfico, a curtametraxe Unhas clases do social a tempo...
Para sacar adiante este proxecto, Cacheda contou cun equipo artístico encabezado por Carlos Blanco xunto a outros actores coñecidos polos seus traballos televisivos como Santi Romay, Julio Cela ou Miguel Guido.
Este proxecto nace ademais a través dunha iniciativa interesante. Baixo o sistema 'crowdfunding', empresas e comercios de Pontevedra colaboraron na financiación da curtametraxe. As aportacións foron dende os 5 euros que garantían a presenza nos créditos finais ata os douscentos euros que, entre outras vantaxes, ofrecía unha copia en DVD, invitacións á estrea, caricaturas personalizadas...
O director Pablo Cacheda e o produtor Pablo Fernández tiveron que buscar estas alternativas para afrontar esta proposta e, a tenor das reaccións na súa presentación, pagou a pena. O salón de actos do IES Sánchez Cantón estaba cheo e entre os asistentes atopábanse actores como Santi Romay e Carlos Blanco.
Unhas clases do social a tempo... conta as diferentes vivencias dun mozo que nunca está atinado nas súas decisións sociais.
Agora está previsto que a estrea oficial da curtametraxe en internet sexa o venres 12 de outubro.