Miguel Anxo Prado: "Nunca tiven espírito de best-seller nin de autor maldito"
Por Anxo Lourido
Acompañado do debuxante Kiko da Silva, Miguel Anxo Prado chegou á Libraría Paz repartindo sorrisos e apertas. No segundo andar do local agardaban caras coñecidas da cultura pontevedresa como os pintores Antón Sobral e Manuel Moldes, o escritor Manuel Lourenzo, o cineasta Pablo Cacheda ou o concelleiro Luis Bará. A expectación débese a que o autor coruñés presenta en Pontevedra a súa última novela gráfica, Ardalén, unha obra de 256 páxinas que lle levou tres anos de traballo. "Non é tanto. Hai 10 anos teríame levado seis facelo", asegura o historietista que comeza a narrar como foi o proceso de creación "sempre a partir de pezas anárquicas que quedan aí no arredor".
Ardalén céntrase na memoria e Miguel Anxo afirma que "o amor só o pode explicar a memoria. Se nós non lembramos que onte queriamos a unha persoa, sería sempre un volver a empezar, como en Memento". E apunta que "é unha historia con poucos personaxes que viven naufraxios interiores e persoais que entretecen un pano de sentimentos". Pero máis alá do argumento, o debuxante considera considera que é un libro especial pola satisfacción que lle produce ver "que se editou en galego antes que en francés, finés ou turco" e ademais será a primeira das súas obras, nos máis de trinta anos que leva publicando que sairá en todos os países có mesmo título que fai referencia a un vento do sur cunha historia propia.
Miguel Anxo Prado di amosarse sorprendido porque chega a público de todas as idades e engade que "é magnífico que aínda teña medo a non conectar cos lectores" porque confesa que "nunca tiven espírito de best-seller. Non teño esa capacidade pero tampouco teño alma de autor maldito. Eu quero un equilibrio inestable e iso ten a súa complicación". Agora está a traballar nunha historia en clave de aventuras en torno aos demos pero recoñece que "os meus demos reflexionan, discuten. Sei que nunca vou facer Indiana Jones con aventuras trepidantes e diálogos divertidos".
O máis coñecido dos debuxantes galegos fala tamén do pasado, de como viviu o 23-F cumprindo co servizo militar ou dos seus anos en Os Ánxeles traballando na colección Men in black, pero tamén fala do futuro: "fixen unha promesa pública de non facer ningún cetáceo nos dous próximos libros" e é que os mamíferos mariños son xa un sinal de identidade dende que os incluíu nun epílogo para Trazo de xiz.
A xuntanza remata cun divertido: Algo máis? a de unha, a de dúas, a de tres...
E os asistentes póñense en fila co seu Ardalén baixo o brazo á espera de que Miguel Anxo Prado llo dedique cun debuxo exclusivo feito con detalle, paciencia e destreza.
"ÿ que é todo un artista", di alguén ao fondo da sala.