O ciclo de teatro de Mourente homenaxeará a Manuel Solla
Por Redacción
O sábado 26 de xaneiro a partires das 8:30 da tarde comezará o ciclo de teatro na Sociedade Cultural de Mourente coa interpretación e a dirección do coñecido actor galego, Miro Magariños, habitual de series televisivas como Libro de Familia na que interpreta ao taxista, Pratos Combinados ou a serie de Antena 3, La que se avecina.
Neste ciclo presentará 75 puñaladas, un suicidio sospeitoso do autor Martin Giner coa tradución e a adaptación do propio Miro Magariños. O argumento céntras en demostrar que a realidade é enganosa e que as cousas non sempre son como parecen.
No ciclo participan outras compañías tanto afeccionadas como profesionais que presentarán o domingo 27 Tratamento de choque a cargo do grupo de teatro Fonte da Tella de Soutomaior. O sábado 2 de febreiro será Alecrín de Ribadumia quen represente o espectáculo O Cacique e o domingo 3 de marzo vai pecharse o ciclo co grupo Aturuxo de Baión coa obra Quen atopou o número da lotaría?
Pero a cita deste ano será aproveitada para render unha homenaxe a Manuel Solla Tomé, recentemente falecido. Este veciño de Mourente foi un dos principais artíficies de crear o Grupo de Teatro Xenio, unha compañía que leva máis de 30 anos representando teatro en Galicia e tamén en Portugal. Este ano, por diferentes motivos, a compañía non participará neste ciclo teatro que se organiza dende hai décadas na Cultural de Mourente.