Menos espectáculos pero a mesma calidade nos Domingos do Principal
Por Redacción
O domingo 27 de xaneiro volve o teatro familiar a Pontevedra cos Domingos do Principal. Nesta ocasión, os espectáculos reducíronse de nove a sete pero segue a manterse a calidade das compañías participantes neste evento. O ciclo ábrese con Pío de Caramuxo Teatro, unha montaxe recomendada a partir dos 3 anos. O 3 de febreiro será a compañía pontevedresa Baobab Teatro a que represente Babs, obra recomendada a partir de 1 ano. Estes dous espectáculos galegos foron seleccionados na Feira Europea de Teatro Fetén en Xixón.
Haberá un descanso das representacións o domingo 10 con motivo da celebración do Entroido. O 17 de febreiro retómase a actividade e lle tocará a quenda a La Maquiné coa función El bosque de Grimm baseándose nos contos de Carrapuchiña, A bela adormecida ou Polgariño. Teatro dos Ghazafelhos representará Bon appetit o último domingo de febreiro. En marzo, a coñecida compañía madrileña Yllana trae a Pontevedra unha montaxe que recrea as películas do oeste coa divertida Far West.
Domingos do Principal finalizarán con dous espectáculos de Euskadi con Humanos de Marie de Jongh e Alí Babá e os corenta ladróns de Borobil Teatroa.
Todas as representacións serán no Teatro Principal, segundo apuntou a Concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, porque coa crise "non é fácil encher o Pazo da Cultura en dúas sesións" a pesares de que tamén indicou que os Domingos do Principal "é un programa de éxito". E Tareixa Alonso da compañía organizadora Teatro Akatro, indicou que agardan volver colgar o cartel de "non hai billetes".
As entradas xa están dende este mércores 16 á venda a través de servinova e, neste primeiro día, a media mañá xa se retiraran máis de trinta. Poden adquirirse abonos por un prezo de 16 euros máis gastos de xestión (0,80 en venda por Internet e 0,95 a través da venda telefónica).
A partir do 23 de xaneiro poránse á venda os tickets individuais por 3 euros máis gastos. No caso de que queden entradas dispoñibles se poderán adquirir na billeteira do Principal dúas horas antes do inicio das funcións.
Haberá sesión matinal ás 12 do mediodía e pola tarde a partir das 18:30. Ademais, o Concello tamén vai continuar coas representacións concertadas cos centros escolares os luns 28 de xaneiro e 4 e 25 de febreiro. Catro colexios xa se apuntaron para esas actuacións.