Pontevedra acollerá a preestrea de "A praia dos afogados"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, solicitou ao Goberno de España a rebaixa do IVE cultural por ser unha "auténtica atrocidade".
Carmela Silva sinalou que este imposto está a facer "dano" a un "sector fundamental" na xeración de emprego e na creación de Cultura.
"As sociedades non están completas cando non se aposta pola Cultura", proclamou a presidenta da Deputación pontevedresa.
Esta mesma semana no pleno do Senado o ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, reiterou que o Goberno baixará o IVE cultural "cuando pueda".
Carmela Silva fixo esta referencia ao IVE cultural durante unha comparecencia de prensa na que anunciou a preestrea da película "A praia dos afogados" que terá lugar o vindeiro luns 5 de outubro no Museo de Pontevedra, Sexto edificio, ás 21.00 horas.
A película é a adaptación da novela homónima do vigués Domingo Villar e chegará aos cinemas o próximo 9 de outubro.
O thriller está ambientado na ría de Vigo o que deu pé á presidenta da Deputación para "animar" a toda a industria do cinema a que elixan as Rías Baixas para as súas producións "que conten con esta administración para que isto sexa posible", insistiu.
"A praia dos afogados", conta a investigación desenvolvida polo inspector Leo Caldas, ao que dá vida Carmelo Gómez, para descubrir ao responsable da morte dun mariñeiro, cuxo cadáver coas mans atadas é arrastrado pola marea ata a praia de Panxón.
No reparto figuran outros actores como Antonio Garrido, Celso Bugallo, Pedro Alonso, Fernando Morán e Deborah Bukushi.