Retómanse as visitas guiadas aos edificios do Museo
Por Redacción
O programa 'Ven coñecer o Museo' volve poñerse en marcha a partir do próximo sábado 3 de outubro con visitas guiadas que pretenden achegar ao público a historia dos seis edificios que forman parte do Museo Provincial. As visitas estenderanse ata o 29 de maio de 2016.
Segundo o deputado de Cultura, Xosé Leal, este programa permite que as persoas poidan coñecer máis a fondo o patrimonio arquitectónico e artístico do Museo e familiarizarse con esta institución fundamental na historia e na cultura de Pontevedra.
Os sábados está programada 'A Ruta do Museo' na que se realiza unha aproximación á historia dos seis edificios e ás súas principais coleccións. Iníciase a partir das 11.30 horas nas Ruínas de San Domingos, primeiro edificio que acolleu a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra en 1894, creadora do museo pontevedrés. A actividade ten unha duración de 90 minutos.
Aquelas persoas que queiran participar deben inscribirse a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es ou a través do teléfono 986.804.100, extensión 42413.
Os domingos celébrase a proposta 'Achégate ó Sexto!', unha visita guiada para familiarizar ao público coas coleccións e a arquitectura do Sexto Edificio do Museo, composto por 23 salas. Para participar nesta actividade non é necesaria a inscrición previa. Só se precisa acudir ao vestíbulo do Sexto Edifiico o domingo 4 a partir das 11.30 horas. A visita dura ao redor de hora e media.
As dúas rutas son gratuítas.