Mr. Smith & Mrs. Wesson van vengarse no Principal
Por Anxo Lourido
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o vindeiro 26 de xaneiro unha das curtametraxes máis interesantes dos que se teñen producido en Galicia durante os últimos meses. Trátase de Mr. Smith & Mrs. Wesson, unha historia de violencia, vinganza, acción e amor.
A produtora Aira Studio encargouse de poñer en marcha este proxecto cun argumento que se centra no regreso de Mr. Smith ao edificio abandonado no que a súa vida cambiou. O protagonista ten que abrirse paso entre un exército de asasinos.
O televisivo actor catalán, Octavi Pujades, ten o papel principal xunto a Camila Bossa. No repartimento tamén se atopan outras caras coñecidas da pequena pantalla como Luis Iglesia, coñecido polo seu papel protagonista na serie Matalobos, ou María Mera, que tamén encarna un papel na mesma serie.
O director desta curtametraxe que se caracteriza pola súa espectacularidade é Jorge Saavedra e tras ter sido presentada en varias cidades galegas chegará, segundo anunciaron en Twitter, ao Teatro Principal de Pontevedra o 26 de xaneiro ás 8:30 do serán. Despois, esta película que xa foi proxectada noutras salas galegas vai estrearse en Madrid. Ademais, a produtora iniciou unha campaña de crowdfunding para conseguir financiamento para a distribución internacional do film.