Este sábado chega a romaría do rock and roll á Illa das Esculturas da man do festival Surfing the Lérez
Por Redacción
A Illa das Esculturas acollerá dous escenarios este sábado 26 para a celebración dunha gran romaría do rock and roll, o festival Surfing the Lérez, tal e como o define o co-organizador deste evento, Marcos Rivas, que presentaba xunto á concelleira Carme da Silva este evento gratuíto, ao que aos espectadores só lle piden que leven alimentos básicos ou cueiros da talla 4 para doar a través da Rede Axuda.
Ademais, nesta quinta edición, poñerase o acento nas actividades infantís coa intervención de 8 monitores. A partir das 11.00 horas desenvolveranse na zona infantil propostas como xogos de chapas e bólas, trompos ou xincanas para menores de 15 anos. Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, os nenos de menos de 5 anos poderán gozar da Spaghetti painting.
Entre as novidades para este ano, poderase ver unha exhibición de Quidditch, o deporte que practicaba Harry Potter na súa escola de magos, ademais dun partido de xogadoras de Mareantes. Ademais montarase o habitual mercadillo con ao redor de vinte postos, entre os que se atopase o de Rede Axuda para recoller os alimentos. Na edición do 2014 recolléronse máis de dúas toneladas e a organización quere alcanzar este ano as 3 toneladas.
Marcos Rivas indicou que esta cita non é un festival de botellón e que espera que o público faga uso dos cincuenta colectores situados na zona para evitar ensuciar a contorna natural.
Entre as actuacións musicais destacan Killer Barbies, Delorentos, Arizona Baby, Ángel Stanich, Pasajero, Los Pontiaks e os pontevedreses Los Motores, Sugar Mountain e The Grave Dolls, ademais dun taller musical co grupo infantil Furious Monkey House.