Dos fogóns pontevedreses ao Festival de Cine de San Sebastián
Por Alejandro Espiño
Despois de conquistar os padais de medio mundo, a cociña pontevedresa debuta na gran pantalla. Faino coa película documental Cociñando no fin do mundo, dirixida por Alberto Baamonde e producida por Esmerarte. É un dos filmes que se proxectará na 63 edición do prestixioso Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, que comeza este venres na capital donostiarra.
Cociñando no fin do mundo estrearase o xoves 24 de setembro no marco da sección Culinary Zinema. A película é a primeira longametraxe sobre a nova cociña galega, personificada no Grupo Nove, unha asociación gastronómica que reúne a unha vintena dos cociñeiros máis destacados de toda Galicia. Entre eles, Pepe Solla, Pepe Vieira, Yayo Daporta, Javier Olleros e Iñaki Bretal, que participan no filme.
Na película, os membros do Grupo Nove debaten sobre o seu futuro ante o cambio de escenario pola crise. Da súa man, emprendemos unha viaxe pola cociña galega; a nova e a tradicional, a de antes e despois do prato, a de diante e detrás dos fogóns, a do mar e a da terra, a do éxito e a do sacrificio. Os protagonistas, produtores, cociñeiros e outros profesionais que se debaten entre estas dualidades tratando de impulsar unha cociña de futuro.máis aló dos clichés: a revolución silenciosa da nova cociña galega
A nova cociña galega caracterízase pola súa inclinación para explorar o pasado, a recuperar sabores que a modernidade deixou atrás, a dotar de dignidade a produtos considerados menores. E, segundo reflicte a película, o Grupo Nove trata de impulsar esta cociña de futuro máis aló dos clichés. Un retrato realista de Galicia que tenta desentrañar, a través da gastronomía, o fráxil equilibrio entre tradición e modernidade nun territorio de contrastes.
AS ALTAS PRESIÓNS, NA SECCIÓN MADE IN SPAIN
Pero haberá outra película pontevedresa na nova edición do Festival de Cinema de San Sebastián. Trátase de As altas presións, dirixida por Ángel Santos e producida por Matriuska Producciones. Tras a súa estrea en cinemas o pasado mes de maio e o seu pase por numerosos festivais nacionais e internacionais, proxectarase os días 19 e 20 de setembro dentro da sección Made in Spain.
A película conta a historia de Miguel (Andrés Gertrúdix), un mozo que regresa nunha viaxe de traballo -buscando localizacións para unha película allea- á súa terra natal: ao verde do campo e o azul do mar emborronados polas ruínas industriais da ría de Pontevedra.
A súa viaxe lévao de regreso ao lugar no que creceu, ao reencontro con vellos amigos, pero tamén, á posibilidade dunha nova relación: Alicia, unha enfermeira que conseguirá tranquilizalo. Miguel tratará de levar a termo o seu traballo aínda que case sempre prefira gravar aos aldeáns cos que se atopa, os movementos e os rostros dos seus amigos, os trens pasando ou o mar.
Itsaso Arana, Diana Gómez, Juan Blanco e Xabier Deive, xunto a Marta Pazos e Hugo Torres son o resto dos membros do seu reparto.
Relacionadas:
-
As Rías Baixas manteñen as súas 'estrelas Michelín'
Por Redacción |
-
Sesión vermú con sabor ás Rías Baixas no Festival de Cine de Málaga
Por Redacción |
-
"Las altas presiones", nomeada a cinco premios Mestre Mateo
Por Alejandro Espiño |
-
Venres de estrea en Pontevedra con 'Las altas presiones' de Ángel Santos
Por Elsa Juliá Sánchez & Daniel Santomé & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
"A cociña galega vive un momento fantástico. Nunca houbo tanta xente facendo cousas tan interesantes"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |