Xosé Antonio Touriñán, David Amor e Ledicia Solá, tres 'amigos ata a morte' que debutarán en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Pontevedra volverá acoller unha estrea teatral o próximo mes de outubro. Despois do éxito alcanzado co debut de O crédito, o Teatro Principal vestirá de novo as súas mellores galas os días 15 e 16 para recibir a Xosé Antonio Touriñán, David Amor e Ledicia Solá. Son os tres protagonistas de Amigos ata a morte, a versión en galego da obra creada polo pontevedrés Javier Veiga.
Estreada en xaneiro de 2009 en Madrid, Amigos hasta la muerte estivo protagonizada por Jorge Sanz, Melanie Olivares e o propio Javier Veiga. Dende entón, centos de representacións avalan unha obra pola que tamén pasaron actores do talle de Marta Hazas ou Fele Martínez. Años despois foi traducida ao éuscaro e, despois de estrearse en catalán a pasada primavera, chega agora a Galicia.
Amigos ata a morte é unha comedia sobre a amizade e o amor, dous ingredientes que todos queremos para as nosas vidas, pero como é ben sabido se se mesturan moitas veces explotan. Nacho, Ángel e María. Dous homes e unha muller... e claro, polo menos un par de historias de amor. Eles son tres amigos, dous de toda a vida, tres amigos inseparables, ou ao mellor non.
Un xiro inesperado deixará patas arriba a vida dos protagonistas, que terán que ver doutro modo a súa amizade. Que farías se a túa parella decidise deixarte? E se marchase co teu mellor amigo? Perdoarías aos dous, a ningún, só a un dos dous...?
É mellor mentir á persoa que máis queres para evitar que o pase mal? É mellor sempre a verdade que a mentira? Unha verdade a medias é unha mentira de dúas persoas? Poderías perdoar calquera cousa por amor? E por amizade? Que é máis forte, o amor ou o rancor? Que farías polo teu mellor amigo? E chegado o caso... que lle farías ao teu mellor amigo?
Son preguntas que se responderán nesta obra, que ten unha duración aproximada de noventa minutos e está recomendada para maiores de 16 anos.
Pontevedra será a primeira cidade na que se representará esta nova versión e que, posteriormente, poderá verse na Coruña e Ourense.
As entradas, que teñen un prezo de doce euros, pódense adquirir a través de www.ataquilla.com.