As novas promesas da pintura cítanse en Sanxenxo
Por Redacción
A Sala Nauta de Sanxenxo acolle ata o próximo 6 de setembro a exposición de pintura "Novos Valores" que na noite deste luns 30 de agosto foi inaugurada polos seus organizadores, o Círculo Cultural de Sanxenxo, coa asistencia do concelleiro de Cultura, Roberto Carlos Agís.
"Novos Valores" é unha mostra dedicada por terceiro ano consecutivo a novas promesas da pintura, que presenta nesta edición a tres pintores residentes en Sanxenxo, Mónica Mon, Manuela Martínez e Fernando Búa cuxas obras poderán verse ata este domingo.
A artista Mónica Mon, nacida nos anos 70 en Ourense, recalou en Sanxenxo anos despois dos seus estudos de bacharelato e expuxo na vila en varios hoteis. A súa obra encóntrase en constante desenvolvemento. Traballa con óleo e usa acrílicos e a técnica a pastel.
Fernando Búa naceu en novembro de 2002 en Sanxenxo. Estuda no IES Sanxenxo e asiste a clases de pintura co artista Rafael Prieto. A técnica que máis traballa é a plumiña coa que plasma distintos tipos de paisaxes galegas.
Pola súa banda, Manuela Martínez naceu en Tui e reside en Sanxenxo. Dedica a súa vida laboral ao deseño tanto artístico coma lineal. Elabora as súas pinturas con óleos, carbóns e pastel, para mostrar retratos, rúas, paisaxes, prazas e lugares emblemáticos.