O Festiclown estrea Vilagarcía como sede con espectáculos de Kanbahiota Troup, Ale Risorio e MundoMandarina
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa convértese en sede da edición deste ano do Festival Cómico Festiclown, que se vai desenvolver do 14 ao 19 de agosto, coa participación das compañías internacionais como Kanbahiota Troup, Ale Risorio ou MundoMandarina, así como dunha selección do novo circo galego.
Este festival, financiado pola Xunta e polo Concello de Vilagarcía, ofrece unha ampla programación paralela coa inclusión dunha exposición, a proxección do documental 'Tres miradas, dous obxectivos', dous obradoiros e unha gala solidaria.
Este evento dirixido por Iván Prado chega á súa décimo sexta edición tras celebrarse noutras cidades da provincia como Pontevedra e Vigo. esta cita cultural ofrece propostas de novas linguaxes de clown e do novo circo, ademais dun importante compromiso social.
A programación iniciarase o venres 14 de agosto na praza da Ravella co espectáculo 'Vaia circo! ' de Kanbahiota Troup a partir das 22.00 horas. O sábado 15 chegará a maxia da man de Dani García en dobre sesión na praza de Galicia. E o domingo, a actividade trasladarase á praza do Castro con Titereficciós e 'Cantos contose conincres', a partir das 20.30 horas.
Dende o luns 17 desenvolverase o Certame Intergaláctico na rúa Rei Daviña cos espectáculos de Ale Risorio, MundoMandarina e de Isla Letriska. O programa completarase coas actuacións de Cé Orquestra Pantasma e Os Sete Magníficos Máis Un. O mércores 19 terá lugar unha gala benéfica a cargo da ONG Pallasos en Rebeldía para recadar fondos para actividades solidarias.
O festival tamén mantén a actividade formativa con dous obradoiros de aprendizaxe de técnicas de clown, un impartido por Ale Risorio durante o día 18 e outro a cargo do galego Fran Rei o día 19. Durarán oito horas e as persoas interesadas poden apuntarse na páxina do Festiclown ou a través do teléfono 981.582.836.